Virxe Peregrina en Pontevedra, Caldas de Reis e Vilanova de Arousa contarán con instalacións e aparataxe para desenvolver esta actividade de Atención Primaria
Os dous equipos esterilizadores de vapor no hospital Montecelo serán trasladables e integrables na futura central de esterilización contemplada no proxecto arquitectónico do Gran Montecelo
O Servizo Galego de Saúde vai investir un total de 412.192 euros en obras de reforma e dotación de áreas de Fisioterapia en tres centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ademais de renovar dous esterilizadores de vapor no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Dita partida orzamentaria incorporará unha nova área de Fisioterapia no centro de saúde de Virxe Peregrina en Pontevedra -que contará cunha inversión total 188.000 euros na reforma de espazos, equipamento e mobiliario específico para esta Especialidade: padiolas, bicicletas estáticas, cintas de marcha, cadeiras, pesas, espaleiras, etc-.
Así mesmo, o centro de saúde de Vilanova de Arousa contará cunha inversión de 31.823 euros na reforma dos espazos para unha nova área de Fisioterapia dotada de sala de Rehabilitación, despacho, vestiario e aseos, máis en equipamento e mobiliario específicos.
Pola súa banda, no Concello de Caldas de Reis, o Servizo Galego de Saúde prevé unha inversión de 28.994 euros na reforma dos actuais espazos de educación maternal e consulta de Matrona no centro comarcal de A Tafona, que incorporarán unha nova área de Fisioterapia, Rehabilitación e Traballo Social, máis equipamento e mobiliario específico para prestar estes servizos.
Dous novos equipos esterilizadores de vapor en Montecelo
De xeito complementario, a Administración Sanitaria Pública galega contempla unha inversión de 165.000 euros para a renovación de dous dos cinco equipos esterilizadores de vapor do hospital Montecelo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, que prestan servizo aos bloques cirúrxicos de 11 quirófanos en Montecelo e 5 quirófanos do Hospital Provincial.
Esta adquisición de dous novos esterilizadores de vapor no hospital Montecelo aportan, así mesmo, a vantaxe técnica adicional de ser trasladables e integrables na futura central de esterilización contemplada no proxecto arquitectónico do hospital Gran Montecelo, que unificará nun mesmo espazo toda esta aparataxe específica.