Fabricáronse 1.500 doses de radiofármacos extra e fixéronse 4.100 informes adicionais das unidades móbiles de resonancias magnéticas
A sanidade pública dispón así de servizos de alta tecnoloxía sanitaria, incluídos os de diagnóstico por imaxe, medicina nuclear e oncoloxía radioterápica
A través do contrato entre o Sergas e Galaria tamén se xestiona o centro de produción de radiofármacos PET de Galicia, o único de España centralizado para atender os hospitais públicos
O Servizo Galego de Saúde destinou 3,7 M€ euros para a realización de máis de 10.000 probas e tratamentos oncolóxicos máis sobre os previstos para 2024, a través do contrato programa coa empresa pública de servizos sanitarios Galaria.
Este importe tamén cobre as 1.500 doses de radiofármacos extra aplicadas o pasado ano e os 4.100 informes adicionais realizados pola actividade das unidades móbiles de resonancias magnéticas que acoden aos hospitais comarcais e o desenvolvemento da Estratexia de economía circular do Servizo Galego de Saúde.
En concreto, o contrato-programa para 2024 entre o Servizo Galego de Saúde e a empresa pública de servizos sanitarios Galaria recollía a realización de 25.000 probas nas unidades de resonancia magnética móbil, que se incrementaron ata acadar as 33.000 en 2024, é dicir, realizáronse 8.000 máis. O servizo de oncoloxía radioterápica que Galaria xestiona na área sanitaria de Vigo tiña previstos 2.510 procedementos para o ano pasado e realizáronse 380 máis.
No tocante aos procedementos de medicina nuclear e PET recollidos no contrato-programa para pacientes das áreas sanitarias de Vigo; de Pontevedra e O Salnés; e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, a cifra prevista era de 12.600, se ben finalmente se realizaron 14.800 procedementos en 2024, 2.200 máis. Isto débese ao incremento de 1.600 procedementos logrado nos servizos xa existentes e aos 600 máis realizados grazas á apertura da nova unidade PET de Ourense no pasado ano 2024.
Radiofármacos para a medicina de precisión
No que atinxe á actividade do ciclotrón encargado da fabricación de radiofármacos PET desde a unidade situada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, as doses previstas para distribuír entre as sete áreas sanitarias en 2024 eran 11.900 e a addenda recolle 1.500 radiofármacos a maiores. Isto é froito do forte incremento na demanda destas probas diagnósticas e no incremento da produción que é posible acadar grazas á aposta por unha importante actualización tecnolóxica, realizada o pasado ano, do equipo instalado.
Esta unidade de produción de radiofármacos PET de Galicia é un dos tres centros de carácter público cos que conta España e, dun xeito pioneiro, a única que distribúe de forma centralizada radiofármacos ao propio Hospital Clínico de Santiago, ao Hospital Meixoeiro de Vigo, ao Centro Oncolóxico da Coruña, ao Hospital Universitario Lucus Augusti e ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
A elaboración de radiofármacos para uso clínico supón un novo fito na estratexia galega de medicina de precisión porque permiten un diagnóstico temperán de varias doenzas, sobre todo de orixe tumoral.
A addenda do contrato-programa entre o Servizo Galego de Saúde e Galaria inclúe 50.000 euros destinados á Estratexia de economía circular do Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. As accións desta estratexia diríxense a cumprir co compromiso de que a sanidade pública acade as cero emisións netas á atmosfera no ano 2040.
Do mesmo xeito, o actual acordo prorrogarase ata o 31 de decembro de 2025 por importe de 18.961.573 euros para manter o nivel actual de actividade, enfocada principalmente á atención de pacientes oncolóxicos no Servizo Galego de Saúde.