- Máis de 1300 intérpretes, con idades comprendidas entre os seis e os 87 anos, participarán na que é unha das edicións máis numerosas na historia do concurso
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude renova a súa contribución a esta cita no marco do convenio de colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares para fortalecer e impulsar o tecido bandístico en Galicia
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse cunha representación do comité organizador do XVIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, que terá lugar esta fin de semana en Pontevedra coa participación de 20 agrupacións de toda Galicia, así como de Castela e León, Portugal e Colombia, na que será a edición máis multitudinaria dos últimos anos.
Por parte da Federación Galega de Bandas de Música Populares, entidade organizadora do certame, asistiron á xuntanza o seu presidente, Iván Estévez Sabucedo, xunto con Iago Foxo Bouza, Alberto García Medraño e Salomé Vieites. Nela, abordouse o avance dos preparativos desta cita de referencia no seu ámbito, que volve contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco dun convenio anual de colaboración que comprende tamén outros eventos, xornadas formativas, residencias e accións de difusión destinadas a fornecer o tecido bandístico galego e a súa proxección exterior.
Nesta 18ª edición, o encontro de bandas acada unha das maiores participacións da súa historia, de xeito que os 20 colectivos que se subirán ao escenario do Pazo da Cultura pontevedrés agrupan máis 1300 instrumentistas, con idades comprendidas entre os seis e os 87 anos. No certame reflectirase, ademais, o relevo xeracional que se está a producir neste ámbito, xa que un 45% dos intérpretes son menores de idade e o 75% teñen menos de 30 anos.
Ás formacións galegas, súmanse este ano dúas leonesas, catro procedentes de Portugal e unha de Colombia, reforzando así o carácter internacional do evento e a cooperación musical entre territorios.
Retransmisión en directo
O certame, de entrada libre, tamén poderá seguirse en directo a través da canle da Federación Galega de Bandas de Música Populares en YouTube. As actuacións desenvolverase en cinco quendas correspondentes ás seccións convocadas: infantil, xuvenil, terceira, segunda e primeira. Cada unha das banda interpretará tres obras, incluíndo unha peza galega seleccionada de entre as premiadas nas últimas edicións do Concurso Galego de Composición. Contarase, ademais, coas actuacións doutras dúas formacións galegas convidadas: o cuarteto de saxofóns Dextrum Ensemble e o ensemble de vento madeira Arundo Donax.
O concurso arrancará mañá sábado ás 10,00 h. coa sección infantil, na que compiten a Banda Infantil da Unión Musical de Meaño, a Banda Infantil da EMM de Veguellina de Órbigo (León) e a Chikiband 2.0 de Xinzo de Limia. A continuación, será a quenda das agrupacións xuvenís, con propostas de Galicia (Arca, A Estrada e Ribadumia) e de Colombia (Banda Sinfónica Juvenil de Caldas).
Xa pola tarde, desenvolverase a competición da Sección Segunda coa Banda Filarmónica Ovarense de Portugal, a Banda de Música Juventudes Musicales Universidad de Léon, a Banda de Música de Arca e a Agrupación Musical da Limia.
O programa do domingo inclúe as actuacións das seccións terceira, na que participan as formacións de Coruxo e Bembrive (Vigo), Tui, Padrón e Tenorio (Cerdedo-Cotobade), e primeira, con tres agrupacións portuguesas (Loivos, São Cipriano e Fermentelos) e a Banda Artística de Merza.
Na cerimonia de clausura do XVIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, para a que se contará coa actuación do ensemble Arundo Donax baixo a dirección de David Fiuza, farase entrega dos diplomas e os premios aos colectivos gañadores en cada unha das cinco categorías.