— O conselleiro de Ciencia mantén un encontro coas spin-offs creadas para visibilizar a importancia de conectar a investigación excelente coa contorna empresarial
— O luns publicarase a nova edición de Ignicia Proba de Concepto para apoiar a chegada ao mercado de ata 10 proxectos de investigación cunha dotación de 4M€
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro con oito das empresas creadas ao abeiro do programa Ignicia, un dos principais instrumentos da Xunta de Galicia para facilitar a transferencia de coñecemento real das investigacións á sociedade. Esta convocatoria, pioneira e referente a nivel estatal, impulsa a creación de novas spin-offs e acordos de licenza de comercialización da tecnoloxía xerada en Galicia.
De feito, desde a súa creación no ano 2016, xa se apoiaron 32 proxectos cun orzamento de 17M€ que deron lugar a 11 spin-offs e tres acordos coa industria, atopándose 15 proxectos en desenvolvemento comercial. En total, a través destes proxectos emprégase a máis de 150 profesionais de alta cualificación e lévanse captado máis de 27M€ de financiamento público e privado a nivel nacional e internacional.
Neste sentido, o titular de Ciencia destacou o carácter de nexo deste programa entre a ciencia excelente e a contorna empresarial ao permitir converter a investigación en solucións de mercado e facilitar así a rendibilización económica e social do investimento público en I+D. “Esta convocatoria ten un gran potencial no apoio ao emprendemento innovador e de base científico-tecnolóxica, xa que a maioría dos proxectos seleccionados propoñen a creación de spin-offs como vía de comercialización”, sinalou Román Rodríguez. “Isto facilita o aproveitamento económico dos resultados da investigación, a creación de emprego de carácter cualificado e a mobilización e atracción de investimentos públicos e privados cara Galicia”, engadiu.
A este encontro, co que se quere poñer en valor o programa Ignicia como exemplo de éxito na transferencia de coñecemento e na xeración de innovación na Comunidade, asistiron representantes das empresas Alén Space, Alice Biometrics, Artificial Intelligence Indestia, Celtarys Research, Diversa Technologies, inVerbis Analytics, Libera Bio e Sense Aeronautics. Ademais, o Goberno galego busca visibilizar con este encontro o potencial competitivo de Galciai a nivel global, destacando a súa capacidade para liderar no seu ámbito e contribuír ao desenvolvemento tecnolóixco e económico de Galicia.
Esta convocatoria encádrase nas medidas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para impulsar a colaboración estratéxica e a transferencia do coñecemento incluídas no Plan galego de Investigación e Innovación 2025-2027, dotadas con máis de 52 millóns de euros. En concreto, Ignicia é un dos principais instrumentos da Xunta de Galicia para o apoio neste eido e desenvólvese a través de dúas liñas de actuación complementarias: esta convocatoria e outras actuacións de apoio á valorización do coñecemento, como actividades de formación de profesionais da transferencia e persoal investigador, de seguimento de indicadores ou de posicionamento do programa Ignicia nos eidos rexional, nacional e internacional.
Próxima convocatoria
O vindeiro luns publicarase no Diario Oficial de Galicia a quinta edición da convocatoria Ignicia Proba de Concepto, dotada con 4 millóns de euros para apoiar entre 8 e 10 proxectos, que se sumarán aos 32 xa apoiados en convocatorias previas.
Esta liña de axuda está destinada aos organismos de investigación galegos, desde as universidades públicas ata os centros tecnolóxicos, así como a centros do CSIC en Galicia ou fundacións sanitarias. Os proxectos deben contar con capacidade para xerar retornos económicos e ter como finalidade a comercialización dos resultados da investigación. Estes pasarán por un proceso de selección en dúas fases e comezarán a executarse a comezos de 2026 durante un prazo estimado de dous anos.