- O ‘Diario Oficial de Galicia’ publica hoxe a orde pola que se regulan as bases e se convocan por primeira vez estas achegas dirixidas ás entidades locais
- Entre as actuacións municipais subvencionables inclúense intervencións en espazos públicos para mitigar o efecto illa de calor, a instalación de xardíns verticais e tellados verdes, a restauración de treitos de río ou a mellora das conexións urbanas
- Cun orzamento de 2 M€, o importe máximo por cada actuación será de 60.000 €
Os concellos galegos poderán solicitar a partir do día 25 de febreiro as novas axudas da Xunta para o impulso de proxectos de fomento das infraestruturas verdes en espazos urbanos e periurbanos como ferramenta de acción a nivel local fronte aos efectos do cambio climático.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan, por primeira vez, este tipo de subvencións. Cun orzamento global de 2 millóns de euros, o importe máximo das achegas será de 60.000 euros por proxecto e poderá cubrir ata o 80% dos gastos subvencionables.
Con esta nova liña de apoios a Xunta reforza a súa colaboración coas administracións locais para executar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento das infraestruturas verdes e á conectividade dos espazos naturais periurbanos. O obxectivo é incrementar a biodiversidade deste tipo de zonas, mellorar a súa conservación, favorecer a adaptación ao cambio climático, mellorar a calidade ambiental e crear espazos máis saudables da man das entidades locais.
Para conseguilo, os concellos poderán optar ás axudas con proxectos presentados de forma individual que integren algunhas das seguintes actuacións. En primeiro lugar, serán subvencionables as intervencións en espazos públicos orientadas a atenuar o chamado efecto illa de calor, que fai que en certas áreas das cidades e de contornas urbanas a temperatura sexa máis alta que nas zonas rurais debido a unha combinación de factores relacionados coas infraestructura, a actividade humana e a industrial.
Dentro deste grupo encaixarían as iniciativas municipais que busquen habilitar un sombreado natural en rúas e prazas mediante a plantación de árbores, preferiblemente autóctonas, intervencións para reducir a impermeabilidade do solo para aumentar a súa capacidade de drenaxe ou a creación de microclimas co recurso a láminas de auga que reducen a temperatura e combaten o efecto illa de calor.
Nun segundo grupo entrarían proxectos cos que se pretende incrementar a biodiversidade urbana e as zonas verdes a través, por exemplo, da implantación de xardíns verticais e cubertas ou tellados verdes en infraestruturas e edificacións públicas, ou da restauración de zonas húmidas que albergan unha gran variedade de especies.
Así mesmo, a orde de axudas da Xunta tamén cubrirá ata o 80% dos gastos derivados de iniciativas municipais para mellorar as infraestruturas verdes (sendas, parques etc) e azuis (ríos) das zonas urbanas. Así, poderán optar a estas achegas iniciativas para a recuperación de treitos urbanos fluviais deteriorados ou para mellorar a conexión entre o medio urbano e periurbano mediante, por exemplo, sendas verdes.
Cada concello poderá presentar ata tres proxectos e para orientalos coas súas propostas, a Xunta pon á súa disposición a oficina de asesoramento da Rede local polo clima, unha iniciativa que naceu en 2024 para coordinar as actuacións cos concellos e aproveitar sinerxías na loita contra cambio climático. As entidades locais interesadas terán de prazo ata o 31 de marzo para presentar as súas solicitudes e deberán facelo obrigatoriamente por medios electrónicos.
Entre un 40% e un 70% das emisións GEI
As áreas urbanas estímase que son responsables de entre un 40% e un 70% de todas as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Por iso, é fundamental dotar ás cidades de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas que repercutan na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía tanto polos beneficios que reportan para a saúde como para as relacións sociais, ao ser estas zonas tamén un espazo ideal de encontro e lecer colectivo.
A nova liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático vai nesta mesma dirección e facilitará aos concellos o financiamento necesario para preparar as súas zonas urbanas ante os riscos do quecemento global e adaptalas aos seus efectos.
Ademais, cómpre lembrar que a convocatoria publicada hoxe se enmarca na Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, que entrou en vigor o pasado 11 de febreiro e converteu a Galicia na primeira comunidade española en dotarse dunha ferramenta propia deste tipo.