Á dita iniciativa preventiva asistiron, finalmente, 164 profesionais do marisqueo da confraría de Lourizán, 200 efectivos da confraría de San Telmo e 125 compoñentes da confraría de Raxó
A participación foi do 84,3 por cento da poboación convocada voluntariamente a este cribado preventivo
Os cribados preventivos con PCR efectuados a pasada semana no Hospital Provincial de Pontevedra a un grupo de case 500 efectivos das confrarías de Lourizán en Pontevedra, así coma San Telmo e Raxó en Poio -enmarcados na estratexia de contención da COVID 19 do Servizo Galego de Saúde- deron coma resultado dezaséis positivos por coronavirus nun total de 489 mostras nasofarínxeas recollidas sobre un censo de 580 profesionais do marisqueo cos que se contactara gradualmente e vía SMS telefónico personalizado.
Nun desglose por colectivos, á dita iniciativa preventiva efectuada pola Área sanitaria de Pontevedra e o Salnés asistiron, finalmente, 164 profesionais do marisqueo da confraría de Lourizán, 200 efectivos da confraría de San Telmo e 125 compoñentes da confraría de Raxó, que deron coma resultado os devanditos dezaséis positivos por coronavirus.
A participación foi do 84,3 por cento da poboación convocada voluntariamente a este cribado preventivo. Cómpre lembrar que, dada a incidencia de casos da COVID 19 no colectivo profesional de marisqueo da ría de Pontevedra, a Administración Sanitaria Pública galega decidira efectuar na capital da provincia cribados preventivos mediante PCR cara a determinar preventivamente as posibles infeccións por coronavirus entre estes traballadores.
Mostras e resultados
Todas as mostras tomadas con PCR ao colectivo profesional de marisqueo da ría de Pontevedra procesáronse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados negativos foron comunicados aos usuarios por SMS, sendo os resultados positivos notificados de xeito individual a cada traballador.