A Administración Sanitaria Pública galega convocou, gradualmente e vía SMS telefónico, a un total de 3.785 profesionais de diversas categorías de atención hospitalaria dos hospitais do Salnés, Provincial e Montecelo, así coma a 830 traballadores dos 44 centros de Atención Primaria desta área sanitaria
Os cribados con test de saliva efectuados en pasadas datas pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnes aos seus profesionais non detectaron ningún caso positivo de COVID 19.
Cómpre sinalar que este cribado voluntario tivo lugar durante os pasados xoves 25 e venres 26 de febreiro de 2021 tanto no eido da Atención Primaria coma a atención especializada.
Á dita iniciativa preventiva a Administración Sanitaria Pública galega convocou, gradualmente e vía SMS telefónico, a un total de 3.785 profesionais de diversas categorías de atención hospitalaria dos hospitais do Salnés, Provincial e Montecelo, así coma a 830 traballadores dos 44 centros de Atención Primaria desta área sanitaria, que entregaron a súas mostras de saliva nos seus respectivos centros de traballo para, posteriormente, analizalas e devolverlles nun prazo de 24 a 48 horas o resultado vía SMS a cada usuario.
62,19 e 73,25 por cento da convocatoria voluntaria
Dos 3.785 traballadores de atención hospitalaria efectuaron o cribado un total de 2.354 profesionais, cifra que representa unha porcentaxe do 62,19 por cento da convocatoria voluntaria.
Pola súa banda, dos 830 traballadores de Atención Primaria efectuaron o cribado un total de 608 profesionais, cifra que representa unha porcentaxe do 73,25 por cento da convocatoria voluntaria.
Por centros sanitarios, no Hospital do Salnés recolléronse un total de 252 mostras de saliva dunha convocatoria voluntaria que o Servizo Galego de Saúde enviou a 481 profesionais de dito centro sanitario arousán. No Hospital Provincial de Pontevedra a convocatoria acadou a 1.250 traballadores, dos que entregaron mostra de saliva 850.
No Hospital Montecelo citáronse a 1.927 profesionais, entregando 1.121 mostras de saliva para analizar. Tamén no centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés citou a 132 profesionais, dos que entregaron mostra 81 deles, así coma outras 50 mostras de saliva de persoal que presta servizo administrativo no edificio sito na Avenida de Vigo.
Novos cribados no eido Universitario
Para dar continuidade preventiva ao plan de continxencia da COVID 19 na Área Sanitaria, a Administración Sanitaria Pública galega planificou para a vindeira semana un novo ciclo de cribados poboacionais centrado na comunidade do eido universitario.
Deste xeito, citaráse a un total de 3.300 estudantes para efectuar un novo cribado con test de antíxenos -mostra nasofarínxea- durante os vindeiros luns 1 e martes 2 de marzo, -en horario de mañá de 9 a 13h. e de tarde de 15:30 a 20:30h.- nas dependencias interiores da pista de atletismo da Facultade das Ciencias da Educación e do Deporte do campus universitario de A Xunqueira en Pontevedra.