Esta cifra representa un 0’66% do total das mostras recollidas finalmente pola Administración Sanitaria Pública galega
Á dita iniciativa preventiva convocouse a 7.863 poienses dentre 15 e 50 anos
Os cribados poboacionais con test de saliva efectuados no Concello de Poio en pasadas datas polo Servizo Galego de Saúde, cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, permitiu a detección de 41 casos positivos de COVID 19, cifra que representa un 0’66 por cento do total das mostras recollidas finalmente pola Administración Sanitaria Pública galega.
Cómpre lembrar que este cribado voluntario tivo lugar na explanada do parque de A Seca, en Poio, entre os pasados sábado 30 de xaneiro e martes 2 de febreiro. Á dita iniciativa preventiva convocouse a 7.863 veciños de Poio dentre 15 e 50 anos, colectivo que supón un 70% da poboación censal dese tramo de idade e o 78,7 por cento da poboación con tarxeta sanitaria.
Datos de participación
Destes 7.863 pacientes citados inicialmente, entregáronse 6.462 tubos de saliva -o que representa unha participación do 82% da convocatoria voluntaria- mentres que, finalmente, se recolleron 6.170, o que refire unha porcentaxe do 95,5% dos tubos entregados e do 78,5% da cidadanía poiense convocada voluntariamente ao cribado.
Para levar a cabo esta iniciativa preventiva, a Administración Sanitaria Pública galega contou na explanada do parque de A Seca en Poio cun cadro de 15 profesionais, coordinados por un médico, que efectuaron tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios.
Os resultados das mostras, que foron procesadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, foron comunicados aos usuarios por SMS, sempre que estes foran negativos. No caso de resultar positivos, estas notificacións comunicáronse de xeito individual a cada cidadán.