- A falta de coñecer os datos do resto de establecementos de aloxamento que o INE fará públicos a semana próxima, só en hoteis e pensións aloxáronse 635.000 viaxeiros
- O aumento de viaxeiros e de noites rexistradas nestes establecementos supuxo un incremento cualitativo, coas cifras de ingresos hoteleiros máis altas da serie histórica
- No Camiño de Santiago, amósase unha diversificación crecente das rutas e só no mes de xullo recolleron a Compostela máis de 67.000 peregrinos, un 3% máis
Os hoteis e pensións galegos reci- biron o pasado mes de xullo máis de 635.000 viaxeiros que fixeron máis de 1,3 millóns de noites, o que supón un incremento de 3% en viaxeiros e do 3,3% de noites neste tipo de establecementos. Trouxo consigo tamén unha evolución económica importante para o sector hoteleiro nese mes cun crecemendo dos seus ingresos nun 10% ata alcanzar os 63,72 millóns de euros, a cifra máis alta da serie histórica.
Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre viaxeiros e noites nos hoteis e pensións rexistrados en xullo . A falta de coñecer os datos do resto de establecementos de aloxamento (campings, albergues, casas rurais…) que o INE publicará a vindeira semana, constátase que, só en hoteis e pensions, o primeiro mes do verán foi especialmente positivo nestes establecementos tanto cuantitativa como cualitativamente.
Nos hoteis e pensións, o comportamento turístico de Galicia é mellor que a media española no mes de xullo en viaxeiros e noites. Galicia colócase nunha posición media-alta no ranking de variacións interanuais tanto en número de viaxeiros (é a sexta comunidade que medra con máis intensidade, por detrás de A Rioxa, País Vasco, Andalucía, Canarias e Cataluña) como en número de noites, que neste caso se sitúa na quinta posición, por detrás de A Rioxa, País Vasco, Navarra e Andalucía.
No referido ao Camiño de Santiago tamén só ao mes de xullo, segundo os datos da Oficina do Peregrino, recolleron a Compostela nese mes máis de 67.000 peregrinos, o que supón un incremento do 3% en xullo dos que o 41% eran estranxeiros. O primeiro país estranxeiro foi Estados Unidos, seguido por Italia, Alemaña, Portugal e México. Por camiños, destaca o crecemento do Camiño Portugués da Costa, que nese mes foi o itinerario que máis medrou, en concreto un 16%.