Os pacientes oncolóxicos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés poderán retirar os infusores de Medicación en Atención Primaria

adminON
Lectura mínima de 3
  • A Dirección de Enfermaría dispuxo a distribución dun total de 40 contedores especiais para residuos citotóxicos e citostáticos nos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC)
  • Esta medida evitará ter que desprazarse ata os hospitais e, así mesmo, permitirá facelo nas fins de semana no caso de ser necesario

Os pacientes oncolóxicos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa poden retirar os infusores de medicación citostática para o seu tratamento nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da rede de Atención Primaria, o que evitará ter que desprazarse ata os hospitais e, así mesmo, permitirá facelo nas fins de semana en caso de ser necesario.

En concreto, para poder levar a cabo esta iniciativa, a Dirección de Enfermaría da área de saúde pontevedresa dispuxo a distribución dun total de 40 contedores especiais de 30 litros para que o persoal de Enfermaría poida depositar os residuos citotóxicos e citostáticos nos centros sanitarios de Atención Primaria.

O infusor elastométrico para o tratamento domiciliario é un dispositivo que permite a administración intravenosa continua ou intermitente de calquera medicación -neste caso, de citostático para o tratamento de células cancerosas- a unha velocidade controlada, sen necesidade de ingreso hospitalario.

Con cita previa se coincide en horario da Enfermaría

A coordinadora de Enfermaría do centro de saúde de Bueu, Ana Isabel Souto, explica que o paciente ten que pedir cita para a consulta da enfermeira que lle corresponda en Atención Primaria no caso de que a retirada do infusor coincida co seu horario de atención, que será unhas 48 ou 72 horas despois da súa colocación no hospital de día oncolóxico. Toda esta información se lle facilita previamente ao doente.

Por exemplo, se a colocación do infusor elastométrico se realiza un xoves e a persoa debe acudir a un centro de saúde o sábado, nese caso pode acudir sen cita, loxicamente, xa que a atención realízase a demanda, aínda que se lle está a indicar dende Enfermaría que acudan a partir das 10:30 horas. A coordinadora Ana Isabel Souto aclara que, en principio, a retirada do dispositivo non vai coincidir en domingo, pero se fose o caso, poderán acudir ás urxencias dos PAC.

Comparte este artigo