- Con adicación e traballo de equipo, prepararán pratos especiais tanto para os profesionais de garda dos centros hospitalarios coma para aqueles cidadáns que teñan que pasar o vindeiro tempo navideño ingresados durante a Noiteboa, o Nadal, a Noitevella, o Aninovo e o día de Reis
- Todas as comidas que se serven semanalmente nos centros hospitalarios da Área Sanitaria elabóranse seguindo as indicacións dos técnicos en dietética e nutrición
Os servizos de Hostalería do Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa, así coma os do Provincial e Montecelo en Pontevedra, teñen listos para as vindeiras datas os menús para a celebración do Nadal, tempo no que, con adicación e traballo de equipo, prepararán pratos especiais tanto para os profesionais de garda dos centros hospitalarios da área coma para aqueles cidadáns que teñan que pasar o vindeiro tempo navideño ingresados durante a Noiteboa, o Nadal, a Noitevella, o Aninovo e o día de Reis.
As cociñas dos hospitais públicos de Pontevedra-O Salnés son, de xeito cotián, un punto de gran actividade nas que equipos compostos por técnicos en dietética e nutrición, gobernantas, pinches, cociñeiros e administrativos traballan para aportar coa alimentación un factor engadido para a recuperación dos pacientes ingresados.
Organización previa ás datas sinaladas
A preparación dos almorzos nos tres centros hospitalarios públicos durante estas datas sinaladas implica moita organización previa, posto que dunha quenda para outra, os profesionais dos servizos de Hostalería adiantan todo o posible para que, chegadas as festas do Nadal, poidan elaborarse os pratos con todo o agarimo na Área Sanitaria.
O obxectivo deste traballo de equipo é que pacientes e profesionais de garda pasen as datas do Nadal o mellor posible. Detrás de cada bandexa servida, hai un gran labor previo para conseguir un menú equilibrado, saudable e cun baixo contido graxo, servido con detalle e unha colocación de alimentos harmónica, con calidades idóneas para o ánimo dos pacientes e profesionais, con cantidades beneficiosas para a súa saúde.
Labor previo á elaboración dos menús semanais
Cómpre sinalar que o labor previo á elaboración dos menús semanais nos tres centros hospitalarios inclúe unha revisión detallada de cada alimento -proteínas, lípidos e hidratos- supervisado polos técnicos en Dietética e Nutrición da Área Sanitaria. Deste xeito ofrécese unha alimentación variada e completa, seleccionando carnes e peixes baixos en graxas, asegurando inxestas suficientes de froitas, vexetais e hortalizas, evitando frituras e atendendo aos contidos calóricos axeitados para esta poboación.



