- A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático incorporou as autorizacións concedidas na comunidade -máis de 47.400 de pesca e arredor de 41.300 de caza- a esta ferramenta dixital do Executivo galego
- A partir de 2026 tamén estarán dispoñibles na app os permisos de pesca que os afeccionados a esta actividade adquiran ao longo da tempada de pesca
- Esta medida ten como obxectivo facilitar que as persoas propietarias teñan máis accesibles estes documentos para realizar tanto xestións administrativas como ante autoridades como os axentes ambientais, de Policía ou da Garda Civil
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático incorporou as licenzas de caza e pesca continental da comunidade á aplicación móbil XuntaEU coa finalidade de facilitar que os seus titulares teñan estes documentos dispoñibles e accesibles en todo momento nesta ferramenta dixital do Executivo galego. A medida beneficia a preto de 90.000 persoas entre pesca continental (máis de 47.400) e caza, con arredor de 41.300 licenzas, así como doutras autorizacións.
De feito, a partir da próxima tempada 2026 -dado que agora mesmo a actividade está pechada- estarán dispoñibles tamén nesta aplicación os permisos de pesca, o que multiplica o número de documentos que estes afeccionados terán dispoñibles en XuntaEU pois cada pescador pode adquirir varios permisos ao longo da tempada.
Esta app permite acceder aos principais servizos de administración dixital da Xunta e comprobar a validez dos documentos firmados de xeito electrónico ou consultar os certificados e tarxetas dos que unha persoa é titular co fin de que os teña accesibles a través de distintos dispositivos móbiles.
Ao entrar na aplicación XuntaEU os usuarios terán dispoñible no apartado Tarxetas un código QR que permitirá comprobar a veracidade e validez destes documentos sen necesidade de presentalos en papel ou noutro formato. Isto facilita os trámites e xestións administrativas ante autoridades como os axentes ambientais, de Policía ou do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, entre outras.
As persoas interesadas en empregar esta funcionalidade deben descargar a app móbil do Executivo galego (dispoñible para os sistemas operativos Android e iOS) e dispoñer de Chave365, DNI electrónico ou dun certificado electrónico.



