HomePontevedraPontevedraRomán Rodríguez destaca un investimento de máis de 720.000€ na ampliación da...

Román Rodríguez destaca un investimento de máis de 720.000€ na ampliación da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas de Pontevedra

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, supervisa o resultado das obras
  • A actuación enmárcase no investimento da Xunta de 14M€ en actuacións na cidade do Lérez ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, comprobou hoxe o resultado das obras de ampliación da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, na cidade do Lérez, nas que a Xunta investiu 721.000€.

“Esta intervención forma parte das 52 obras de ampliación ou nova construción que estamos a acometer desde 2021, e que teñen como obxectivo dar resposta ás necesidades de máis espazos educativos alí onde a poboación o demanda”, detallou o conselleiro. Neste concello, ademais desta escola, ampliouse o Centro Integrado de FP Carlos Oroza (2,7M€) e o Instituto Luís Seoane (723.000€).

En concreto, a obra da EEI Concepción Crespo Rivas supuxo a ampliación do centro en case 250m², dotando a escola dunha sala de usos múltiples, unha sala de profesores e unha aula de desdobre máis, ademais de incrementar o espazo da sala de dirección. O programa da intervención incluíu tamén a substitución da caldeira de gasóleo por unha de gas e a mellora da accesibilidade do centro.

Unha trintena de obras en Pontevedra

Tal e como explicou Román Rodríguez, a actuación enmárcase nun investimento de 14M€ nunha trintena de obras en centros educativos da cidade de Pontevedra ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Entre elas, ademais das devanditas ampliacións, destacou as rehabilitacións integrais do Instituto Valle-Inclán (6M€), do Colexio Froebel (1,9M€ en tres fases) e do IES A Xunqueira I (714.000 €).

As actuacións máis recentes foron a instalación un ascensor no IES A Xunqueira II (185.000€) e as obras de urbanización para acometida de auga nos centros integrados de FP Carlos Oroza e Montecelo (110.000€), ambas realizadas este verán e xa rematadas. Ademais, está en execución a mellora das instalacións eléctricas do CIFP Carlos Oroza (177.000€).

Publicacións Relacionadas