— Esta nova liña de axudas da Xunta apoiará con 22,6 M€ iniciativas centradas en ámbitos estratéxicos froito da colaboración entre entidades
— Enmarcada no Plan galego de I+D+i 25-27, a convocatoria avala proxectos de desenvolvemento experimental, investigación industrial, innovación organizativa e innovación en materia de procesos
— Nexos forma parte do programa Activa I+G+i, pensado para apoiar a colaboración entre empresas e a transferencia efectiva de resultados
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación dos resultados da convocatoria Nexos, dotada con 22,6 M€ para apoiar o desenvolvemento de 37 proxectos nos que están implicadas 138 empresas co apoio de diversos centros de coñecemento en eidos considerados estratéxicos para Galicia. “Con este investimento para as anualidades 2026-2028, esperamos mobilizar un total de 39,8M€, algo que reforzará o impulso da nosa I+G+i, a ciencia e innovación feitas en Galicia”, sinalou.
Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o conselleiro explicou que estes proxectos son mostra “do potencial da innovación feita en Galicia”, remarcando que Nexos é unha convocatoria que apoia “o talento, a capacidade innovadora e o liderado das empresas galegas de primeira liña, recoñecendo o seu papel como verdadeiro motor do desenvolvemento económico e da cohesión social”.
Neste sentido, Román Rodríguez apuntou que esta convocatoria “tamén busca impulsar o traballo colaborativo, como poden amosar as empresas que hoxe están aquí para contarnos en que consistirán os seus proxectos”. De feito, as actuacións financiadas realizaranse por agrupacións de empresas constituídas por un máximo de seis pemes e un mínimo de tres. Por tipoloxía, 25 son de desenvolvemento experimental, 10 de investigación industrial e dous de innovación organizativa e innovación de procesos.
Ademais, os proxectos encádranse nalgún dos ámbitos estratéxicos enmarcados no Plan galego de investigación e innovación 25-27. En concreto, 11 versan sobre economía circular e enerxía, 10 sobre fabricación avanzada, nove sobre agroalimentación, catro sobre benestar e saúde e tres sobre outras áreas.
O listado completo pode consultarse no dossier anexo.
O representante do Goberno galego tamén incidiu en que esta é unha das “accións da Xunta para fortalecer a I+G+i, mellorando así o potencial da Comunidade”. Esta nova liña de axudas procura aumentar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial, fomentar a cooperación público-privada a través de proxectos de I+D+i e facilitar a transferencia de tecnoloxía e a adopción de solucións avanzadas que permitan ás pequenas empresas liderar procesos de transformación dixital, avanzando cara á súa sustentabilidade e competitividade.
O orzamento subvencionable dos proxectos, que serán cofinanciados por fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, oscilan entre os 1,5 M€ e os 500.000 €, con intensidades de axuda que van desde o 40% ata o 60%. Os beneficiarios poderán financiar custos directos (persoal, equipamento e materiais, subcontratacións e adquisición de patentes, entre outros) e indirectos (gastos administrativos, de supervisión e control de calidade, subministracións, seguros, seguridade ou gastos de limpeza).
Transferencia efectiva de resultados
Nexos enmárcase no programa Activa I+G+i, que apoia a colaboración entre empresas e a transferencia efectiva de resultados, ao que o Goberno galego destina máis de 40 M€ mediante catro grandes convocatorias: ademais de Nexos, tamén Unidades Mixtas de Investigación, que se resolverán proximamente; Fortalecemento de centros tecnolóxicos (6 M€), da que xa se informou en Consello, e Recuperación de excelencia Neotec (1,6 M€), resolta en novembro.
A través destas axudas, a Consellería de Ciencia pon o foco nas pequenas empresas de Galicia coa finalidade de potenciar unha I+G+i colaborativa que impulse a transferencia real de coñecemento, o que contribúe tanto a reforzar a competitividade desde o punto de vista económico como a mellorar o día a día da cidadanía.



