Román Rodríguez sitúa a inclusión educativa como prioridade número un das políticas da Xunta

adminON
Lectura mínima de 5
  • No balance do curso de formación do profesorado en TDAH, agradece o labor da Fundación María José Jove e INGADA en prol da igualdade de oportunidades
  • O programa recoñece coa súa bolsa anual a unha docente do IES Mestre Landín (Marín) e destaca como finalistas a profesores de centros de Ponteareas e Camariñas
  • Máis de 3.150 docentes de toda Galicia, 160 deles nesta última edición, formáronse nos últimos 11 anos ao abeiro desta iniciativa

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, situou hoxe a inclusión educativa como  “prioridade número un da Xunta”. Así o remarcou no balance do Curso de Formación de Profesorado en relación co alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), unha iniciativa da Fundación María José Jove e do Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA) que conta co apoio do Goberno galego.

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor o labor destas dúas entidades en prol da escola inclusiva e, polo tanto, da igualdade de oportunidades para todo o alumnado. “A unión de forzas entre a administración educativa e as entidades especializadas é fundamental neste camiño, no que queremos avanzar nos próximos anos coa nova Estratexia galega de inclusión EduInclúe 2030”.

Neste sentido, o conselleiro sinalou que esta nova estratexia inclúe entre as súas medidas, precisamente, a colaboración con diferentes axentes que coñecen de primeira man as diferentes necesidades do alumnado para dar formación especializada aos docentes. “As aulas son espazos fundamentais para o crecemento persoal do alumnado, máis aló da transmisión de coñecementos. É clave que os docentes dispoñan da formación necesaria para identificar e apoiar situacións específicas, como se fai neste curso do que hoxe facemos balance”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez quixo agradecer tamén aos docentes participantes, 160 nesta última edición, o seu compromiso “para dar a mellor atención a cada estudante e, deste xeito, conseguir que acade todos os logros posibles”. “A Xunta ten a inclusión educativa como principal prioridade, pero se Galicia é líder, cun 93,3% en alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, é grazas ao traballo conxunto de todos vós”, incidiu.

No acto participaron tamén a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e o presidente e vicepresidenta de INGADA, o doutor Ángel Carracedo e Elvira Ferrer,

Teatro para a inclusión

No transcurso do acto fíxose entrega da XI Bolsa INGADA-Fundación María José Jove, que recaeu en Paula Antía Rey, profesora do Instituto Mestre Landín de Marín (Pontevedra). O recoñecemento supón unha dotación de 3.000€ para a implantación do proxecto gañador, Club de teatro para o desenvolvemento persoal e social de alumnado con TDAH, que xa se aplicou o pasado curso no anterior centro de destino da docente, o IES Macías O Namorado de Padrón.

O xurado valorou a achega da iniciativa para fomentar a atención do alumnado, a súa participación activa e o seu desenvolvemento integral, mellorar o clima da aula e fortalecer a convivencia escolar.

Xunto á premiada, resultaron finalistas os proxectos de Patricia Suevia (que impartiu clase nos CEIP Areal e Ponte do Porto, de Camariñas), centrado na mellora da convivencia escolar, e o de José Ramón Pérez, docente no Centro Integrado de FP A Granxa de Ponteareas, baseado na combinación de actividades formativas, apoio psicolóxico e estratexias de autorregulación.

Formación docente especializada

Nestes 11 anos máis de 3.150 docentes de Primaria, ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia recibiron xa preparación específica ao abeiro do Curso de Formación de Profesorado en relación co alumnado con TDAH, impartido por profesionais da neuropsicoloxía, a medicina, a pedagoxía e o traballo social.

A última edición celebrouse nas sete cidades galegas cun total de 160 profesores asistentes, consolidando unha rede de profesorado capacitado para mellorar a inclusión desde as aulas e reforzar o acompañamento ao alumnado con TDAH.

Comparte este artigo