HomeXunta de GaliciaRueda anima aos escolares a esforzarse no día a día para estar...

Rueda anima aos escolares a esforzarse no día a día para estar mellor preparados para o futuro

- Anuncio -spot_img
  • Afirma que sente moito agradecemento e tamén responsabilidade por cumprir cos compromisos que adquiriu cos galegos
  • Confesa que ás veces na política discútese por “parvadas” pero di que en Galicia acontece menos porque “aquí temos sentidiño”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou aos escolares galegos a esforzarse e estudar moito no día a día para poder estar mellor preparados e facerlle fronte aos desafíos que lles agardan no futuro, tendo en conta que “o colexio é algo que marca moitísimo”.

Rueda someteuse “sentindo moita responsabilidade” ás preguntas dos alumnos de 4º de Primaria do CRP Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra -no  que estudaron as súas dúas fillas-. O presidente galego tivo que dar contas sobre a súa formación, os seus estudos de Dereito, as súas funcións á fronte da Xunta ou a importancia de saber formar equipos e liderar grupos de traballo.

“A preparación nunca sobra, así que vos pediría que vos formedes, que estudedes con forza e que levedes unha vida san”. Rueda respondía así a un dos alumnos que lle preguntaba sobre que podían facer os nenos e nenas para axudar a mellorar a nosa comunidade. Na súa resposta, quixo abundar na “responsabilidade e agradecemento” que sente “para non errar, para facer as cousas que dixen que ía facer cando pedín a confianza da xente”.

O alumnado tamén se amosou moi interesado pola mala imaxe que ás veces dá a clase política e mesmo lle interpelaron sobre se “aos políticos lles viría ben vir á nosa clase para aprender a traballar en equipo”. Rueda confesou que “hai moitos días que eu tampouco entendo a algúns políticos”, pero asegurou que “en Galicia discutimos un pouco menos do que discuten noutros sitios, porque aquí temos sentidiño”, para concluír que sempre é bo negociar para chegar a acordos. “Ás veces discútese por parvadas e ultimamente na política pasa moito”, lamentou.

A entrevista concedida polo presidente da Xunta ao alumnado de 4º de Primaria do CRP Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús enmárcase na X edición do proxecto editorial ‘Faro da Escola’, de Faro de Vigo, unha iniciativa que procura achegar a prensa e os xornais aos centros educativos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas