HomeXunta de GaliciaRueda anuncia que Galicia formará a médicos de Uruguai para implantar o...

Rueda anuncia que Galicia formará a médicos de Uruguai para implantar o primeiro programa de transplante de pulmón no país latinoamericano

- Anuncio -spot_img

— Pasarán estadías no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña para recibir formación técnica e científica sobre este tipo de cirurxías


— O Chuac é un referente a nivel nacional en transplantes e leva realizados preto dun millar de pulmón desde 1990, 28 deles no que vai de ano


— O presidente salienta a excelencia do sistema sanitario galego e a aposta da Xunta por compartir coñecemento para mellorar a atención aos pacientes


— Ata agora os enfermos uruguaios tiñan que saír do país para este tipo de operacións

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos de Montevideo para que médicos uruguaios reciban formación técnica e científica no Servizo Galego de Saúde sobre o transplante pulmonar. Trátase dun acordo histórico que permitirá poñer en marcha o primeiro programa de transplante de pulmón en Uruguai: “Eses galegos que saíron hai dous séculos dunha Galicia moi diferente e que se deron conta do que nos seguimos dando conta aquí: que a saúde, a atención ás persoas que necesitan servizos médicos é fundamental. E decidiron fundar algo que vai cumprir agora 200 anos alí, en Montevideo, e que é xa unha referencia no país” salientou o presidente.
Tras a sinatura, Rueda destacou que deste xeito vaise evitar que, como ocorre na actualidade, os pacientes uruguaios teñan que desprazarse fóra do país para someterse a este tipo de cirurxías. O obxectivo é que médicos uruguaios adquiran as competencias necesarias para levar a cabo un proceso cirúrxico tan complexo e lograr realizar entre seis e dez transplantes deste tipo ao ano.
Para iso, os profesionais interesados realizarán estadías no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) -que se iniciarán pasados os meses do verán-, un centro referencia a nivel estatal no eido dos transplantes de órganos -con 309 no 2024, o que o sitúa como o sétimo con maior actividade de toda España- e que ten máis de 25 anos de experiencia na cirurxía pulmonar.
En concreto, o Chuac leva realizados 950 transplantes desde 1990, dos que 64 tiveron lugar o pasado ano, o que supuxo un 30% máis que no 2023. Desde xaneiro, o hospital coruñés xa realizou 28 intervencións deste tipo.
Rueda resaltou a excelencia dos profesionais sanitarios galegos e apostou pola colaboración e cooperación en materia de sanidade como clave para avanzar na mellora da calidade asistencial aos pacientes: “Que podamos contribuír a formar a sanitarios uruguaios é un orgullo e tamén unha oportunidade”, apuntou o presidente.
Ademais, o titular da Xunta lembrou que Galicia ten un sistema sanitario que é referente a nivel internacional e expoñente da Galicia Calidade, contando co calendario de vacinación máis completo do mundo, sendo pioneira na ampliación dos cribados contra o cancro, cun centro de terapias avanzadas ou pechando 2024 cun récord histórico de transplantes.
Cooperación a ambos lados do Atlántico
Rueda fixo fincapé en que Galicia e Uruguai levan anos apostando pola cooperación e a colaboración en diferentes eidos, entre eles o sanitario: “Unha unión tan estreita que hai que seguir cultivando. E non se me ocorre mellor maneira de facelo que a través desa unión entre a sanidade pública de Galicia e a sanidade en Uruguai”, destacou o presidente. Nesta liña agradeceu o labor que realiza a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos de Montevideo, fundada en 1853, e que atende máis de 200.000 pacientes, moitos deles galegos do exterior. O presidente salientou que esta entidade é un piar na atención sociosanitaria da colectividade galega no país latino.
Esta asociación xestiona tamén o Hogar Español, no que residen españois e galegos de idade avanzada e escasos recursos.

Publicacións Relacionadas