O presidente da Xunta mantivo esta semana un encontro co conselleiro delegado de MasOrange, Meinrad Spenger, no que se puxo en valor a participación da compañía en distintas iniciativas autonómicas no eido da dixitalización e a retención de talento
Subliña a importancia de que se manteña o compromiso co emprego, a sede e a marca de R en Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana un encontro co conselleiro delegado de MasOrange, Meinrad Spenger, no que se avaliaron novas vías de cooperación para continuar impulsando o desenvolvemento tecnolóxico en Galicia.
Na reunión, o responsable do Executivo autonómico puxo en valor a participación da compañía en distintas iniciativas autonómicas, como o Plan Digitalent 2030, a través do cal a Xunta busca favorecer a creación, atracción e retención de talento dixital en Galicia; ou o nodo Conectivi.gal, iniciativa público-privada para adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia. Do mesmo xeito, subliñou a importancia de que se manteña o compromiso co emprego, a sede e a marca de R en Galicia.
O presidente autonómico convidou a MasOrange a participar na iniciativa de cobertura móbil no rural promovida pola Xunta, instalando os seus dispositivos nas torres impulsadas por Retegal que sexan do interese da compañía para ampliar así o número de usuarios beneficiarios desta iniciativa. Isto complementaría as actuacións que desenvolve MasOrange a través do plan estatal UNICO-5G.
No encontro celebrado en Santiago de Compostela participaron tamén o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey; así como a directora xeral de Regulación, Asuntos Públicos e Sostibilidade de MasOrange, Luz Usamentiaga, e Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia.



