Recoñece o labor de cronistas como Rafael L. Torre para achegar grandes historias aos lectores e axudarlles a descubrir Pontevedra. “Non é preciso viaxar a outras latitudes nin inventarse escenarios ficticios”, explica
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe, durante a presentación do libro Pontevedra, ciudad encantada, a importancia de que as historias sobre as nosas cidades queden inmortalizadas nos libros para que nunca se esquezan.
Ao longo da súa intervención, destacou o papel das crónicas como ferramenta fundamental para dotar de sentido ao noso presente e salientou o “ir, ver e contar” como a fórmula clave para levar a cabo un labor tan importante coma este.
Nese sentido, recoñeceu a capacidade de Rafael L. Torre para achegar grandes historias aos lectores e axudarlles a descubrir Pontevedra. “Non é preciso viaxar a outras latitudes nin inventarse escenarios ficticios”, explica. No seu caso, dixo, nin sequera é necesario cambiar de lugar xa que ao vivir na cidade faino desde unha “mirada persoalísima”.
Rueda convidou a somerxerse nesta historia a quen queira descubrir unha visión única de Pontevedra “unha cidade universal, en cuxa vida e traxectoria calquera se pode sentir recoñecido”, engadiu.
O presidente da Xunta animou ao autor, que xa editou con anterioridade outros tres libros de artigos, a que continúe cunha quinta edición deixando para a historia as pequenas anécdotas e os grandes feitos que foron construíndo a cidade. “As vivencias das túas obras permitirán viaxar no tempo a unha Pontevedra do pasado que debe seguir estando no noso presente”, asegurou.