Agradeceu a todos os efectivos o seu traballo, especialmente en episodios recentes como a vaga de lumes do pasado verán ou a DINA de Valencia, pola cal se concederon 53 placas de prata
Reivindica o investimento da Xunta de xeito continuado en formación e equipamento aínda que “non sexa fácil” para previr emerxencias
O Goberno galego leva investidos nos servizos de emerxencia da comunidade máis de 28 millóns de euros desde 2015 para material e novos recursos, así como máis de 3 millóns de euros en formación
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a solidariedade, compromiso e o traballo en equipo que definen ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia e garanten unha rápida e efectiva atención ás emerxencias.
Así o salientou esta mañá na Estrada, no acto de entrega de medallas ao mérito de Protección Civil, no que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Un encontro onde o presidente do Executivo autonómico agradeceulles a todos os efectivos o seu traballo “en equipo”, especialmente en episodios recentes como a vaga de lumes do pasado verán ou a DINA de Valencia, pola cal se concederon 53 placas de prata tanto a voluntarios que quixeron axudar na traxedia como aos efectivos profesionais integrados no dispositivo coordinado pola Xunta. Neste sentido, o presidente agradeceu tamén “a todas as administracións galegas” aquel traballo coordinado “os días que foi preciso”, algo do que “todo o pobo galego sentiuse moi orgulloso”.
No acto, ademais, recoñecéronse a 33 voluntarios que cumpriron 25 anos de servicio, e concedéronse seis medallas de bronce –unha a título póstumo, a de Jose Manuel Calviño da APC da Coruña–, unha medalla de prata –a Manuel Expósito, da APC de Viveiro– e outra de ouro –a Juan José Muñoz, actual xerente xefe do Consorcio Contra Incendios e Salvamento de Deza e Tabeirós-Terra de Montes–.
Rueda felicitou a todos os premiados e agradeceu o labor de todas as Asociacións de Protección Civil pola súa “colaboración diaria” en emerxencias e na prevención de riscos, “unha das partes máis importantes desa Galicia Calidade que temos aquí e que queremos levar ao mundo”. Cabe destacar que este ano supón máximos históricos en canto ao número de voluntarios pertencentes ás 236 agrupacións que existen en Galicia, con 4.500 efectivos.
Ademais, o presidente reivindicou o investimento da Xunta de xeito continuado en formación e equipamento aínda que “non sexa fácil” para que “cando veña unha emerxencia nos colla o mellor preparados posible”.
Apoio da Xunta
O Goberno galego leva investidos nos servizos de emerxencia da comunidade máis de 28 millóns de euros desde 2015 para material e novos recursos, así como máis de 3 millóns de euros en formación. Neste sentido, o presidente remarcou o compromiso do Executivo de seguir contribuíndo á prevención e xestión das emerxencias o vindeiro ano, no que se realizará o reparto de novo equipamento como tendas de campaña ou kits de seguridade viaria.



