- Salienta que se trata dun espazo emblemático cun alto valor cultural, histórico e natural
- Lembra que o obxectivo é manter Lourizán coma referente no eido forestal, abrir as instalacións ao conxunto da cidadanía e potenciar o seu atractivo turístico
- A previsión é iniciar as obras antes de que remate este ano e que estean concluídas a finais de 2026 ou inicios de 2027
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa rehabilitación e posta en valor do Pazo de Lourizán, tanto do edificio coma da súa contorna, cun investimento previsto de 17,3 millóns.
Durante unha visita ao Pazo, acompañado do equipo de arquitectos que levarán a cabo a restauración, Rueda manifestou a súa “ilusión” de darlle unha “segunda vida” grazas á colaboración institucional a un espazo que “non podía seguir esmorecendo” por ser un espazo emblemático, que forma parte da historia de Galicia e cun alto valor cultural e histórico -o edificio está incluído no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e contou entre os seus propietarios co político galego Euxenio Montero Ríos-.
Na reforma integral que se vai levar a cabo nas instalacións, o xardín, con especies chegadas de todo o mundo, será o elemento vertebrador xa que permitirá comunicar a través de sendas peonís os diferentes edificios e espazos que albergará Lourizán na súa nova etapa.
Por unha banda, vaise facer unha rehabilitación do edificio principal para recuperar o valor patrimonial do Pazo, restaurando a súa arquitectura orixinal, mantendo os elementos que o singularizan e optimizando os recursos existentes para mellorar a eficiencia enerxética ou a xestión da auga nas instalacións.
Tamén haberá labores de restauración nos xardíns, mellorando a conservación das plantas autóctonas, deseñando itinerarios peonís para poder coñecer a biodiversidade da zona ou habilitando novas zonas axardinadas á beira das sendas.
Segundo manifestou o presidente, o obxectivo da Xunta é que o Pazo de Lourizán se manteña coma unha “referencia en investigación forestal en toda España” e “darlle sentido a todo o recinto”. Por iso, vaise manter o Xardín Botánico de Galicia, crearase o Centro de conservación do xermoplasma forestal e poñeranse en marcha aceleradoras de empresas neste eido que contarán cunha oficina de asesoramento e apoio aos proxectos.
Ademais, tal e como explicou Rueda, nesta nova etapa, a Xunta busca darlle novos usos ao Pazo e optimizalos “o máximo posible”. Por iso, habilitaranse unha sala de usos múltiples e unha zona para exposicións e as instalacións albergarán un hotel e un espazo gastronómico.
O Goberno autonómico xa está traballando na redacción do proxecto da restauración e, segundo apuntou o presidente, a previsión é comezar as obras antes de que remate este ano ou a principios do seguinte, concluíndoas a finais de 2026 ou inicios de 2027.