— Asegura que os 5,8 novos quilómetros de vía de alta capacidade libres de peaxes permitirán conectar mellor a zona e reducir os tempos das viaxes
— Trátase dunha obra de gran complexidade técnica ao contar coa construción de dous enlaces e a previsión dun terceiro; tres viadutos; seis pasos superiores; tres pasos inferiores; e seis obras de drenaxe
— O obxectivo da Xunta é darlle continuidade ao tramo de autovía da Costa da Morte que se puxo en funcionamento no 2016, con case 28 quilómetros libres de peaxe
— O Executivo autonómico conxela, un ano máis, as peaxes desta autovía A Coruña-Carballo (AG-55) e tamén da do Val Miñor (AG-57), manténdose entre as máis baixas de España
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a licitación da prolongación da autovía da Costa da Morte con 5,8 novos quilómetros de vía de alta capacidade libres de peaxes, supón contar con “infraestruturas máis sostibles, máis seguras e máis cómodas para os usuarios”: “Un proxecto longamente esperado pero que hoxe xa publicamos. Unha prolongación dunha infraestrutura empezada hai moito tempo e que agora da un paso importante e queda para as medras”, resaltou o presidente.
Así o salientou, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Fernández Allegue, durante un acto celebrado para presentar o proxecto de obra do novo tramo, comprendido entre Santa Irena (Vimianzo) e a estrada AC-432, que comunica este concello con Camariñas. Unhas obras que está previsto que comecen este xullo.
Así, o Goberno galego investirá 36,3 M€ para este novo treito que estará limitado a 100 km/h. As obras resultan de gran complexidade técnica, xa que inclúen a construción de dous enlaces e a previsión dun terceiro; tres viadutos; seis pasos superiores; tres pasos inferiores; e seis obras de drenaxe. A estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento da vía sobre esta contorna e que terá preto de 250 metros de lonxitude: “Facer infraestruturas nunca é sinxelo, implica un esforzo orzamentario importante; pero este é outra das vantaxes de ter os Orzamentos en vigor”, remarcou Rueda.



