- O titular do Executivo autonómico subliña a importancia da colaboración institucional para facer realidade esta intervención
- A actuación supón un investimento total de 2,6 millóns de euros, dos cales o Goberno galego achega o 65,38% (1,7 M€) e o Concello o resto, ademais de encargarse da licitación e execución dos traballos
- O proxecto actuará sobre case 900 metros para crear unha plataforma única, priorizando a seguridade peonil, a accesibilidade e a modernización de todos os servizos básicos para compatibilizar o uso rodado coa vida diaria dos veciños
- Con este acordo, a Administración local acepta tamén a transferencia de todo o dominio público viario do treito da PO-316 entre os puntos quilométricos 4+440 e 5+510
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a reforma da rúa Luís Antonio Mestre, no Grove, será clave para “vertebrar o concello”. Así o sinalou, acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante a sinatura do convenio de colaboración do Goberno galego co Concello do Grove para impulsar a humanización da travesía da estrada PO-316 ao seu paso pola principal vía de acceso á localidade.
Durante o acto, o titular da Xunta resaltou que a colaboración institucional ofrece resultados directos aos cidadáns, agradecendo a disposición do Concello para acadar este acordo. Neste sentido, apuntou que “cando se fan esforzos como o que hoxe nos trae aquí, é necesario xuntar as capacidades e os recursos de todas as administracións”, salientando que esta actuación vai beneficiar tanto “aos veciños que viven aquí todo o ano” como ás persoas que visitan “un dos referentes turísticos que hai en Galicia”.
A rúa Luís Antonio Mestre soporta actualmente un intenso tráfico, incluíndo o fluxo de vehículos pesados que se dirixen ao porto de Meloxo desde a avenida de Portugal, o que facía imprescindible unha renovación integral para compatibilizar o uso rodado coa vida diaria dos veciños. Así, o obxectivo é satisfacer as necesidades de todos os usuarios desta vía, os condutores e os peóns, coa creación dun espazo máis versátil e seguro.
O convenio asinado hoxe establece o marco de financiamento e execución para a humanización deste treito de case 900 metros da PO-316, entre a rúa Borreiros e o desdobramento da rúa da Praza (puntos quilométricos 5+000 e 5+890). O investimento total ascende a 2,6 millóns de euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 1,7 millóns (o 65,38%), mentres que o Concello asumirá os 900.000 euros restantes, ademais da licitación e execución dos traballos. Ademais, con este acordo a Administración local acepta a transferencia de todo o dominio público viario do treito da PO-316 entre os puntos quilométricos 4+440 e 5+510.
Entre as principais actuacións destacan a creación dunha plataforma única de uso compartido onde a prioridade sexa a seguridade; a inclusión de redutores de velocidade; o acondicionamento de novas zonas verdes e estacionamentos; ou a renovación de servizos urbanos como saneamento, abastecemento e iluminación pública.
Así mesmo, ao ser a principal porta de acceso ao Grove, a obra tamén beneficiará ao sector turístico, hostaleiro e comercial xa que contribuirá a acadar unha contorna máis amable, moderna e accesible.

