- O servizo ofrecerá atención telefónica gratuíta, seguimento personalizado e puntos presenciais en toda Galicia para detectar e acompañar a quen se atope en situación de illamento
- Salienta que busca “axudar a unhas 170.000 persoas” que están en risco ou nesta situación na comunidade
- Asegura que este tipo de iniciativas contribúen a construír “unha sociedade mellor”
- A iniciativa forma parte da Estratexia Galega contra a Soidade non Desexada, dotada cun orzamento global de 145 M€
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá no acto de presentación da nova central multicanle de atención contra a soidade non desexada, unha das medidas clave da Estratexia Galega que aborda este fenómeno social emerxente e crecente. “Buscamos axudar a moitas persoas, unhas 170.000 en Galicia, que están en risco ou en situación de soidade non desexada. Que queren compañía, calor humano e relacionarse”, indicou.
Rueda subliñou que esta medida non responde só a unha política social máis, senón que é unha acción centrada nas persoas e no seu benestar. “Nisto consiste ser mellor coma sociedade porque a sociedade do benestar non consiste só en dar servizos de calidade, senón tamén preocuparse os uns polos outro”, indicou.
A central, que se pon en marcha en colaboración coa Cruz Vermella, pretende servir de apoio a todas aquelas persoas que se sintan soas, estean onde estean e independentemente da súa situación persoal. Contará cun investimento de 600.000 euros e articúlase arredor de tres eixos principais: unha liña telefónica gratuíta atendida por profesionais da Cruz Vermella, no número 900 830 831, dispoñible de luns a venres de 10:00 a 18:00 horas, e coas chamadas recibidas fóra de horario atendidas por un contestador e devoltas ao día seguinte; un proxecto piloto con 1.000 persoas maiores de 65 anos que recibirán seguimento e acompañamento personalizados; e a creación de puntos presenciais de atención en oficinas da Cruz Vermella por todo o territorio galego.
A soidade non desexada non afecta unicamente ás persoas maiores, aínda que este colectivo sexa o máis vulnerable. Trátase dun fenómeno transversal que pode impactar en calquera persoa, independentemente da idade, o lugar de residencia ou a situación económica. Por iso, Rueda insistiu na necesidade de “detectar o problema para darlle solución e axudar a estas persoas”.
A central é unha das accións máis innovadoras da Estratexia Galega contra a Soidade non Desexada, dotada cun orzamento global de 145 millóns de euros. Con esta ferramenta, a Xunta quere facilitar a detección temperá dos casos, mellorar a atención personalizada e crear un sistema de derivación e seguimento adaptado a cada persoa.
O papel das entidades sociais
Ademais, o xefe do Executivo autonómico galego destacou o compromiso do terceiro sector galego e agradeceu especialmente o labor das entidades sociais que contribúen a construír unha Galicia máis xusta e inclusiva. “Non poderíamos cumprir co lema desta iniciativa –Galicia responde, Galicia acompaña– sen a axuda das entidades do ámbito social”. “É o caso de Cruz Vermella que sempre está aí”, salientou.