- Salientou ao sector como “un piar da economía galega, fonte de emprego estable, de riqueza transversal e de desenvolvemento urbano”
- Reiterou o compromiso da Administración autonómica coa construción de vivenda, con preto de 4.000 novos inmobles, dos cales xa están en execución a metade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na cerimonia de entrega dos XXIX Premios Aproin, entregados pola Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra, e que recoñecen os proxectos e execucións mellor desenvoltos ao longo do ano anterior na provincia pontevedresa.
O xefe do Executivo galego eloxiou a visión dos homenaxeados, asegurando que o sector inmobiliario é “un piar da economía galega, fonte de emprego estable, de riqueza transversal e de desenvolvemento urbano”. Neste senso, agradeceu os pasos dados nos últimos anos polos profesionais do urbanismo “cara unha maior eficiencia, maior sustentabilidade e adaptado ás necesidades reais da sociedade”.
Fronte aos futuros desafíos que enfronta o desenvolvemento urbano, Rueda subliñou o compromiso da Xunta co sector “cara proxectos que melloren a vida dos galegos”. Así, reiterou o compromiso da Administración autonómica coa construción de vivenda, que busca duplicar o parque público con 4.000 novos inmobles, dos cales xa están en execución a metade.
No caso de Vigo, onde se celebrou a cerimonia, o titular do Goberno galego subliñou que se construirán 1.600 edificios en Navia, e apuntou á importancia de aprobar canto antes o PXOM para brindar seguridade xurídica aos profesionais da construción. “A Xunta xa axilizou ao máximo o estudo e os trámites”, asegurou.
Premiados
En canto á listaxe de galardoados nesta edición, o Premio Aproin 2024 de mellor actuación inmobiliaria recaeu na promotora Arial pola construción de 75 vivendas en Foxos, entre Sanxenxo e O Grove.
No apartado de mellor rehabilitación, o proxecto agraciado foi a recuperación do edificio nos nos 2 e 4 da Rúa Xelmírez de Vigo, a cargo da Empresa Promocións e Inversións Valdeorras. Finalmente, na categoría de mellor obra non residencial, premio ex aequo a dúas obras: a nova sede de Aspanex, no barrio vigués de Coia, levada a cabo polo arquitecto Víctor Collazo; e a restauración do Pazo da Raposeira, no barrio da Sardoma, obra do proxectista Emilio Estévez.