HomeXunta de GaliciaRueda reclama a rebaixada do ive do peixe para fear a caída...

Rueda reclama a rebaixada do ive do peixe para fear a caída do consumo

- Anuncio -spot_img

—    Salienta a prioridade do Goberno galego de garantir a remuda xeracional na pesca e en todo o sector primario

—    Destaca o sector pesqueiro como motor económico, social e identitario galego

—    Galicia concentra arredor do 40% da frota pesqueira española e achega máis do 50% da descarga de peixe fresco en España

—    A Xunta apoia a remuda xeracional no sector cunha nova orde axudas activadas este verán para facilitar aos estudantes facer prácticas a bordo de buques, unha medida que forma parte do plan integral de apoio á formación marítimo-pesqueira, dotado con 12,3 millóns de euros

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe en Vigo na inauguración da XII Conferencia Internacional sobre o futuro da pesca, organizada pola Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), onde salientou a recente decisión por unanimidade do Parlamento de Galicia de instar ao Goberno central a aplicar a rebaixa do IVE do peixe. Unha medida, subliñou, que axudaría a frear a caída do consumo e permitiría defender que o esforzo dos traballadores do sector se traduza nun produto de calidade e accesible: “Pedir o mesmo tratamento para o peixe que o que xa teñen outros alimentos básicos creo que é o primeiro que hai que facer. Comprométome a seguir pedíndoo, goberne quen goberne”, destacou o presidente.

O presidente puxo en valor a relevancia desta cita como foro de referencia internacional e destacou a importancia da actividade pesqueira para Galicia tanto no ámbito económico como no social e no identitario: “Hai que remarcar a enorme importancia que ten a pesca para Galicia. E se nós somos o corazón da pesca en España, esta cidade é o corazón da pesca en Galicia”, salientou o presidente.

O titular do Goberno galego subliñou que Galicia concentra arredor do 40% da frota pesqueira española e achega máis do 50% da descarga de peixe fresco en España, o que converte ao sector nunha das grandes fortalezas da Comunidade e nun piar fundamental para milleiros de familias que viven directa ou indirectamente do mar: “Toda a cadea mar industria é unha parte importante do noso produto interior bruto, e ás veces non remarcamos o suficiente a súa importancia. Ninguén mellor que os que estamos aquí entende que queremos vivir no noso litoral e do noso litoral. Queremos estar na nosa costa”, remarcou.

Rueda incidiu en que a defensa da pesca é tamén a defensa da identidade, da cultura, da soberanía alimentaria e do futuro da propia Galicia, recoñecendo o papel determinante de ARVI ao longo de 60 anos de historia, consolidándose como o colectivo de armadores máis relevante de España e un dos máis influentes de Europa, e agradeceulles “o seu labor e a súa presenza”.

Garantir a remuda xeracional

Na súa intervención, o presidente destacou a importancia de avanzar na renovación da frota e na remuda xeracional, así como na posta en marcha do rexistro especial da frota de altura e gran altura, considerado unha ferramenta clave para reforzar a competitividade e a seguridade do sector.

O presidente lembrou que a Xunta ten como prioridade absoluta garantir a remuda xeracional, “algo que nos preocupa a todos”, polo que este verán activou unha nova orde de axudas para facilitar que os estudantes poidan realizar prácticas a bordo de buques, ao tempo que se compensa aos armadores polos gastos derivados. Esta medida forma parte dun plan integral de apoio á formación marítimo-pesqueira, dotado con 12,3 millóns de euros, que permite que máis de 500 alumnos cursen ciclos relacionados co mar, dos cales o 12% son mulleres: “É un problema complexo, e como todo problema complexo non é fácil de solucionar, pero non podemos renunciar a facelo”, remarcou o presidente.

Segundo explicou, a aposta pola FP Dual e polo embarque de alumnos en prácticas son pasos fundamentais para facer atractivo o sector, impulsar a súa competitividade e garantir o seu futuro: “Temos que conseguir que traballar no sector do mar sexa algo que atraia, que prestixie e que moita xente o vexa como un sector de futuro. E por aquí hai futuro e posibilidade de crecemento. Temos que seguir por esta liña”, apuntou.

Igualmente, Rueda concluíu salientando que a unidade do sector e encontros como esta conferencia contribúen a reforzar a posición de Galicia en Europa e a consolidar a súa condición de potencia pesqueira de presente e de futuro: “Oxalá sexamos capaces de ser proactivos e de resolver os problemas. Ninguén ten o 100% das solucións: se as conseguimos, serán compartidas. Aquí hai un gran futuro se sabemos facer as cousas ben”, rematou o presidente.

Publicacións Relacionadas