⎯ Subliña que a nova comunidade conta xa con máis de 2.000 expertas de todos os sectores para seguir sensibilizando a sociedade, especialmente as xeracións máis novas
⎯ “Se queremos evitar desigualdades no futuro, ser mulleres referentes no presente vainos axudar moitísimo”, asegura
⎯ Agradece o apoio de máis de 100 entidades para a identificación de perfís que axuden a romper estereotipos, desde o eido da investigación e a ciencia ata o medio rural e a cultura
⎯ Lembra que “un día como este tamén é Galicia Calidade” porque esta marca “constrúese con moitísimas cousas e é, sobre todo, a sociedade que queiramos facer entre todos”
⎯ O Goberno galego inviste este ano 29 M€ en políticas de igualdade para este 2026, con medidas orientadas a facilitar a conciliación e a fomentar o emprendemento feminino, entre outras
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no acto institucional polo Día Internacional das Mulleres, onde destacou a posta en marcha da plataforma Presentes, unha comunidade dixital impulsada polo Goberno galego para sentar as bases dun proxecto transversal que busca dar visibilidade ao talento e á experiencia das profesionais en Galicia.
Así, subliñou que esta ferramenta o que pretende é “darlle visibilidade a expertas de todas as áreas para que protagonicen o espazo público”. Neste sentido, destacou que Presentes xa conta coa participación de 2.000 expertas de todos os sectores, con diversidade de traxectorias, polo que quixo agradecer a todas as participantes “por dar ese paso adiante e ser referentes, estar presentes”. O obxectivo desta comunidade é crear un espazo aberto e participativo e ofrecer espellos nos que mirarse en ámbitos que van desde a investigación e a ciencia ata o medio rural e a cultura, axudando a demostrar que o xénero nunca pode ser un impedimento.
Ademais, explicou que este proxecto, que contou co apoio de máis de 100 entidades para a identificación de perfís, busca sentar os precedentes para seguir sensibilizando á sociedade, especialmente ás xeracións máis novas. “Ser referentes para os nenos e nenas tamén significa que, desde o principio, medren na igualdade real e non se deixen influír por estereotipos ou comportamentos machistas, polo que, se queremos evitar desigualdades no futuro, ser mulleres referentes no presente vainos axudar moitísimo”, asegurou.
Alfonso Rueda lembrou que “un día como este tamén é Galicia Calidade” porque esta marca “constrúese con moitísimas cousas e é, sobre todo, a sociedade que queiramos facer entre todos”.
Compromiso do Goberno galego
No marco deste compromiso, o titular do Executivo galego lembrou que a Xunta destina este 2026 un orzamento récord de máis de 29 millóns de euros ás políticas de igualdade. Así, destacan os 7,4 millóns de euros para o Plan Corresponsables, destinado a facilitar a conciliación durante todo o ano, e os 5,1 millóns para o programa Emega de emprendemento feminino. Así mesmo, Galicia segue a ser pioneira na gratuidade das escolas infantís e que se está a ultimar a primeira Estratexia Galega de Emprego Feminino en Sectores Masculinizados para reducir a fenda salarial. “Os recursos públicos, os cartos que se pagan cos impostos de todos, hai que dedicalos taména facer posible e real unha sociedade igualitaria”, asegurou.
Finalmente, o presidente reafirmou a necesidade de que a igualdade de xénero estea presente os 365 días do ano en todas as políticas públicas. Neste sentido, fixo un chamamento para que, malia os avances acadados, se siga traballando conxuntamente pola igualdade e para eliminar as discriminacións que aínda persisten así como combater con firmeza a violencia de xénero.



