Home Xunta de Galicia Rueda subliña o esforzo de Galicia por ofrecer certezas e captar investimentos...

Rueda subliña o esforzo de Galicia por ofrecer certezas e captar investimentos para potenciar unha economía máis competitiva e innovadora

- Anuncio -

— Anuncia que os Orzamentos de 2023 incluirán unha rebaixa un 25% no Imposto de Patrimonio, que supón unha bonificación da metade da taxa logo de aplicar a mesma baixada no pasado ano

— Subliña que Galicia afonda no seu propio modelo fiscal, que incorporará unha redución do IRPF coa diminución da tarifa no tramo máis baixo da declaración da renda e á consideración das familias de dous fillos como numerosas a efectos fiscais, cun aforro de arredor de 100 M€ para o que queda de lexislatura

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou esta mañá o esforzo de Galicia por ofrecer certezas e captar investimentos para potenciar unha economía máis competitiva e innovadora.
Rueda sinalou os vindeiros Orzamentos do 2023 como a principal folla de ruta para resolver o “clima de incertezas” marcado pola inflación e a crise enerxética actual. Unhas contas públicas que Galicia volverá aprobar en tempo e forma e que se orientarán a unha Comunidade que responde ás necesidades das familias, á xeración de emprego e ás oportunidades de futuro, ademais de afondar no apoio ás economías domésticas con novas rebaixas fiscais.
Neste sentido, o titular do Executivo autonómico afirmou que Galicia continuará o seu propio modelo fiscal beneficioso para familias e empresas iniciado desde hai anos. Así, Rueda anunciou unha nova redución do 25% no Imposto de Patrimonio, que se suma á redución xa vixente do 25%. Con esta bonificación na metade do tributo, a Comunidade situarase como a terceira con menor presión fiscal sobre o patrimonio persoal, tal e como explicou na súa intervención no foro económico organizado por La Voz de Galicia.
Esta nova redución únese á rebaixa do IRPF aprobada xa para o ano 2022, que sitúa a tarifa autonómica por debaixo da estatal en todos os tramos ata os 35.000 euros, e que beneficiará aos galegos nas súas declaracións a realizar no ano 2023.
En relación a este mesmo imposto, o presidente da Xunta anunciou un novo desconto que situará o tramo máis baixo da declaración da renda no 9% en lugar do 9,4%; e á consideración das familias de dous fillos como numerosas a efectos fiscais. Así, os galegos aforrarán arredor de 100 millóns de euros no tributo da renda no que queda de lexislatura.
Segundo explicou o presidente, “Galicia mírase no seu espello” para decidir a política tributaria, o que permitiu que desde o 2009 a Xunta conseguira aforrarlle ás familias 1.200 millóns de euros. “Aplicamos medidas pensando no que convén facer aquí” e co obxectivo de “que os servizos públicos funcionen”, remarcou.
Axilización no reparto dos fondos europeos
En liña coa necesidade de ofrecer estabilidade no actual escenario económico e de fomentar a captación de investimentos, Alfonso Rueda volveu instar ao Goberno a non deixar pasar a oportunidade dos fondos europeos e a desbloquear a inversión en proxectos tractores presentados por Galicia. O obxectivo, subliñou, pasa por apoiar iniciativas estratéxicas para Galicia que a día de hoxe “non contan con seguridades” de financiamento, como a plataforma para fabricar vehículo eléctricos presentada por Stellantis para Vigo; a planta de Showa Denko na Coruña orientada á mobilidade sustentable; ou o proxecto de Altri para instalar unha planta de fibras téxtiles en Palas de Rei.
Do mesmo xeito, o mandatario autonómico fixo fincapé no interese da comunidade por abandeirar sectores con moito futuro e situarse na vangarda da innovación, e citou, como proba dese compromiso, proxectos como planta de hidróxeno verde prevista para As Pontes, que supoñería un investimento de 156 millóns de euros; ou os plans de revalorización dos residuos gandeiros; os avances na supercomputación e o desenvolvemento da eólica mariña compatible coas actividades pesqueiras.
O presidente da Xunta defendeu un modelo que faga compatible o respecto ao medio ambiente coa actividade económica. Por esa razón, apelou de novo ao Goberno central para liderar a defensa do sector pesqueiro ante a Comisión Europea, logo de decretar veto á pesca de fondo. Un “erro”, considerou, que o Executivo debe recorrer e implicarse porque afecta á economía de toda España.
Bases sólidas para o futuro
No seu relatorio, reivindicou as fortalezas de Galicia para encarar un escenario económico de incógnitas. Entre elas, puxo en valor a cifra de paro máis baixa acada nun mes de agosto da serie histórica, os récords de exportacións, o 74% da produción enerxética procedente de fontes renovables ou a forza de sectores vitais para a economía galega, como o téxtil, o naval, a automoción e o agroalimentario. Finalmente, Rueda reivindicou a política da Xunta orientada á atracción de investimentos empresariais, con simplificacións burocráticas que fomentan a xeración de actividade e emprego.

Relacionadas

A Xunta presenta novas campañas de prevención de riscos laborais co gallo do Día...

0
― O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou hoxe en Ourense a presentación dunha campaña do Instituto de Seguridade e...

Rueda aposta por unha “colaboración institucional sincera” para construír a Galicia do futuro...

0
— Defende crear un clima favorable para os proxectos empresariais e industrias, así como impulsar as enerxías verdes — Aposta polo rigor sinalando “que non...

A Xunta pon en valor o aval do Tribunal Constitucional á Lei do litoral...

0
― A sentencia do TC referenda as plenas competencias que ten a Comunidade para xestionar o seu litoral sen necesidade de reformar o Estatuto...

A Xunta defende a utilidade pública do deporte como fonte de saúde e benestar

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta tarde no III Foro Económico Español ‘A Galicia que vén’, celebrado na Coruña,...

Máis de 100 establecementos participan na ‘Primaveira de Portas Abertas’ nas Rutas dos Viños,...

0
— Participan 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos nos territorios vitivinícolas — Están programadas máis de 60 actividades como catas a cegas ou con...

A Semana Santa consolida a crecente mellora da rendibilidade hoteleira, que medrou un 15%...

0
Ademais, Galicia medrou por riba da media na súa demanda turística ese mes O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos...

Publicacións Relacionadas