Asegura que a publicación contén 150 razóns, tantas como fotografías, para que a Comunidade reivindique desde as súas tradicións ata as manifestacións máis vangardistas da terra
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliña o potencial da fotografía e da paisaxe para reflectir unha Galicia orgullosa da súa bagaxe. O mandatario galego, que participou hoxe na presentación do libro Galicia, paisaxe de futuro do fotógrafo Carlos Rodríguez, asegurou no acto que a publicación contén 150 razóns, tantas como fotografías, para que a Comunidade reivindique desde as súas tradicións ata as manifestacións máis vangardistas da terra.
O titular do Goberno galego asegurou que o compendio fotográfico é un fiel reflexo de como Galicia e os galegos son quen de integrar con harmonía a súa diversidade. Por unha banda, a do seu patrimonio, conxugando os elementos naturais cos construídos; por outra, a do diálogo constante entre o urbano e o rural; e por último, a variada gama de actividades nas que despuntan os galegos e que se reflicte na súa arquitectura ou na súa industria.
A entender de Alfonso Rueda, Carlos Rodríguez traza pontes entre o novo e o vello, o erudito e o popular, o propio e o universal, así como a tradición que vai da man dun futuro cheo de ilusión. “Todo cabe en Galicia”, asegurou o presidente da Xunta, quen felicitou ao autor por ser quen de recoller toda esa diversidade nunha miscelánea artística.



