O director de Turismo de Galicia presentou a sexta edición da feira bianual que terá lugar entre o 9 e o 11 de novembro na Cidade da Cultura
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da sexta edición de Fairway, fórum de profesionais do Camiño de Santiago que cumpre en 2025 dez anos desde a súa primeira celebración. Durante a presentación, Xosé Merelles aludiu “á necesidade de integrar a sostibilidade no modelo de crecemento do Camiño de Santiago, tal e como queda recollido nos principais documentos estratéxicos que guían a acción da Xunta de Galicia”.
Así, na Estratexia 2030 conta cunha medida concreta que “constata a sostibilidade integral como o elemento nuclear, para o que se debe abundar na desestacionalización e diversificación das rutas”, en palabras do director de Turismo de Galicia. “Isto é, búscase unha continuidade no ano da presenza de peregrinos e peregrinas e un incremento de camiñantes por rutas distintas das máis transitadas” que, lembrou, son maiormente, o Camiño Francés, o Portugués e o Portugués da Costa.
Merelles referiuse tamén ao Plan director dos Camiños de Santiago 2022-2027, na que a sostibilidade é un dos parámetros transversais, polo que se miden as 17 liñas de actuación previstas. Ademais, define como reto global acadar un Camiño sostible.
O director de Turismo de Galicia celebrou que estas liñas de traballo están a dar resultado. “Desde esta perspectiva de sostibilidade, desestacionalización e diversificación territorial é desde a que se enfocan os esforzos por consolidar o Camiño de Santiago como recurso turístico estratéxico da comunidade. Os datos confirman o éxito desta aposta”, destacou. No que vai de ano, máis de 515.000 peregrinos recolleron a Compostela, un 7% máis que en 2024. Destes, o 57% foron de procedencia estranxeira.
Fairway
A sexta edición desta feira bianual celebrarase do 9 ao 11 de novembro do 2025 na Cidade da Cultura de Galicia e xirará en torno á turisficación. O espazo expositivo ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados, que incluirán expositores de empresas ou institucións relacionadas cos Camiños de Santiago. Máis de 200 marcas vinculadas co Camiño de Santiago estarán presentes.
A xornada do 9 de novembro está centrada no público xeral, con actividades como obradoiros gastronómicos e infantís, escape rooms e actuacións musicais. Durante os días 10 e 11 as actividades centraranse no público profesional. Celebraranse workshops para de traballo entre profesionais, que permitirán relacionarse con preto de 40 recoñecidos turoperadores convidados que operan no Camiño de Santiago a nivel internacional. Estímase que se planificarán preto de 3.500 reunións de traballo.
O programa de eventos inclúe unha conferencia inaugural baixo a clave ‘Buscando a excelencia na sustentabilidade’, na que participará Xosé Merelles. Ademais, haberá mesas de debate sobre turistificación, a democratización do Camiño e a taxa turística.



