A Axencia contará cun espazo propio dentro do stand de Turespaña, a través do que chegar aos públicos profesionais visitantes deste evento.
Galicia afianza a súa estratexia en turismo de apertura a mercados internacionais coa presenza, un ano máis, na feira Internationale Tourismus-Börse, ITB Berlín 2025. Este evento, centrado nos públicos profesionais, desenvolverase entre o 4 e o 6 de marzo no recinto feiral Messe Berlín.
A participación galega vén da man de Turismo de Galicia, que conta cun espazo singular de 50m2 dentro do stand de Turespaña, situados no Pavillón 2.1. Este área disporá de mostradores de información para as persoas que se acheguen en busca de información, así como dunha zona destinada a encontros de traballo entre profesionais do sector. Aquí haberá representación do Clúster Turismo de Galicia, que organiza para esta edición da ITB unha misión comercial na que está previsto que participen, canda menos, doce empresas, como axencias de viaxes con rutas pola comunidade, aloxamentos e oferta complementaria en experiencias deste tipo.
Para Turismo de Galicia, a participación na feira supón a confirmación da aposta pola internacionalización na súa estratexia reitora. O mercado alemán é o terceiro emisor de visitantes á comunidade, só por detrás de Portugal e de Estados Unidos. Un 2,4% das persoas que viaxan por Galicia por motivos turísticos pertencen ao país xermano.
Cabe destacar, ademais, que crece o volume de demanda deste mercado: en 2024, aumentaron nun 7% o número de noites pasadas por visitantes de Alemaña en Galicia. En concreto, este público valora características da oferta galega como a cultura e a paisaxe, así como a posibilidade de combinar a oferta de ocio coa enogastronomía. Outros aspectos especialmente reseñados son a amabilidade da poboación local e a boa relación calidade-prezo.
A ITB Berlín vénse celebrando desde 1966 e considérase a plataforma global líder do sector turístico a nivel mundial para públicos profesionais. Na edición de 2024 participaron 5.500 expositores de máis de 165 países e recibiuse a 100.000 visitantes. Máis aló do propio público alemán, a ITB constitúe un escaparate interesante para xestores turísticos doutros mercados, posto que a metade de visitantes da feira proceden doutros países europeos e de territorios como Estados Unidos, Canadá, India, Xapón ou China.