– Xosé Merelles e Luis Menor mantiveron unha xuntanza esta mañá para analizar distintas accións de promoción dos recursos da provincia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor, mantiveron unha xuntanza esta mañá para abordar distintas cuestións de carácter institucional que permiten avanzar na dinamización turística da provincia e especialmente, da Vía da Prata que no que vai de ano xa foi percorrida por 8.772 peregrinos, un 13% máis que no mesmo período de 2023.
Nun encontro de traballo entre os representantes da Xunta e da Deputación de Ourense abordáronse ademais outros asuntos de interese relacionados coa seguridade viaria dos peregrinos dentro da estratexia da Xunta de Galicia na que está a destinar 40M€ no horizonte do vindeiro Xacobeo 2027 actuando en máis de 150 quilómetros dos nove camiños de Santiago para afastar aos peregrinos das zonas perigosas de circulación. Ademais, tamén se plantexou unha ruta cicloturista para a Vía da Prata. O director da Axencia de Turismo de Galicia lembrou a aposta do Goberno galego pola posta en valor e mantemento da Vía da Prata de cara a seguir diversificando a chegada de peregrinos polos distintos itinerarios xacobeos.
Neste sentido, tanto Xosé Merelles coma Luis Menor coincidiron no carácter estratéxico do itinerario xacobeo para toda a provincia. Os dous valoraron a campaña de divulgación Vía de la Plata. Tu Camino comienza aquí, dispoñible en diferentes pantallas dixitais de estacións de tren que conectan coa provincia de Ourense e que logrou cinco millóns de visualizacións dende que se puxo en marcha o pasado mes de outubro.
A promoción turística foi un dos principais obxectivos da reunión, con iniciativas destacadas como a campaña nas estacións de tren, prevista ata o mes de decembro. Esta iniciativa ten como obxectivo promover a provincia de Ourense como punto de inicio do Camiño de Santiago, utilizando un transporte sostible como é o caso do tren, e fomentar os recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos deste itinerario xacobeo. A través dun total de cinco pezas audiovisuais ofrécese a alternativa de chegar ás estacións de Alta Velocidade de A Gudiña ou a de Ourense, desde as que distan respectivamente oito e cinco 5 etapas (incluíndo os últimos 100 kilómetros) ata Compostela.
A reunión de traballo é froito da estreita cooperación entre Deputación e Xunta, que se ten materializado en convenios recentes como o firmado o pasado mes de xullo para dinamización turística.