Xosé Merelles trasladoulles aos consejeros de turismo das oficinas de Turespaña a importancia da difusión da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, está a participar en Cáceres na xornada previa á celebración da V Convención de Turespaña, na que está a manter varias reunións con consejeros de turismo de Turespaña en distintos mercados internacionais estratéxicos para a planificación turística do destino Galicia para o ano 2026.
Xosé Merelles está a manter unha rolda de intercambio de experiencias cos responsables da oficinas de Turespaña en varias cidades de Norteamérica, Latinoamérica, Europa e Asia con quen analiza as actuais tendencias do turismo e estuda novas accións conxuntas a desenvolver no marco do Plan Operativo Anual (POA) de promoción do destino Galicia.
Durante as xuntanzas, o director de Turismo fixo balance cos responsables de Turespaña das accións definidas e planificadas pola Xunta de Galicia no último ano constatando o alto interese suscitado nestes mercados emisores ao redor de atractivos coma a enogastronomía, a riqueza paisaxística, o patrimonio, as tradicións e a cultura.
O director de Turismo de Galicia tamén salientou o Camiño de Santiago coma un dos principais atractivos e lembrou que precisamente Estados Unidos é o mercado internacional con maior número de peregrinos no que vai de ano: un total de 37.320 estadounidenses percorreron algunha das rutas xacobeas.
“Estamos a ver que Galicia é un destino que interesa nestes mercados, o que confirma a nosa estratexia de internacionalización que alcanzou unha cota de visitantes estranxeiros do 30% en 2024”, afirmou.
Entre os encontros que está a manter o director de Turismo de Galicia este martes están reunións cos consejeros de turismo das oficinas de Turespaña en cidades de Norteamérica coma Toronto, Los Angeles e Nova York.
A rolda de contactos tamén inclúe encontros cos responsables de Buenos Aires, Sao Paulo en Latinoameérica e tamén de Canton, en China; Mumbai, en India. En canto ao mercado europeo, os intereses estratéxicos de Turismo de Galicia pasan polos mercados de cidades coma Lisboa, París, Varsovia, Berlín, Dublín e Roma.
Programa de promoción internacional
Todas estas xuntanzas permiten concretar o programa de promoción internacional do destino para o vindeiro ano que estará centrado na celebración do Xacobeo 2027. Os encontros teñen lugar no marco da V Convención de Turespaña de tres xornadas de duración que promove o contacto e o intercambio de coñecemento entre os principais actores do sector turístico.
A cita está dirixida a organizacións de xestión e promoción dos destinos turísticos españois, empresas e asociacións de produtos e servizos turísticos, así como representantes de organizacións públicas e privadas, universidades e empresas tecnolóxicas vinculadas o turismo. Á Convención acoden os responsables turísticos de todas as comunidades autónomas converténdose no principal encontro profesional de todo o ano.
Nesta quinta edición, o tema principal xira en torno ao turismo de experiencias enfocadas á sustentabilidade económica, social e medioambiental do sector turístico abordando sobre todo cuestións coma a aplicación da intelixencia artificial, a comercialización de produtos e experiencias, a conectividade e as tendencias da demanda internacional, entre outros aspectos. O encontro continúa ata o vindeiro xoves.