― A Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés participa por sétimo ano consecutivo no programa ‘Atlantis Project’
― O equipo de alumnas procedentes do estado norteamericano de Florida iniciou o seu plan de formación e, durante catro semanas, rotarán en parellas por diferentes servizos hospitalarios
― O programa contempla prácticas de observación en hospitais tendo acceso a nove especialidades que ata o de agora os alumnos descoñecían
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra deu a benvida esta semana a un equipo de 12 estudantes de Pre-Medicina, procedentes do estado norteamericano de Florida -Estados Unidos- que ata o vindeiro mes de agosto realizarán prácticas universitarias nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde en Pontevedra.
Por sétimo ano consecutivo, a formación deste alumnado universitario de Pre-Medicina na cidade do Lérez é posible grazas ao ‘Proxecto Atlantis’, un programa de prácticas de observación en hospitais que ten como principal finalidade facilitar e fortalecer os vínculos entre os futuros médicos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios dos centros nos que se pon en marcha este plan de formación.
A directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, Sonia Fernández-Arruti, xunto coa directora de Atención Hospitalaria, Yolanda Sanduende e o xefe de sección do servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, o doutor Adolfo Baloira saudaron hoxe en Montecelo ao equipo de 12 alumnas que durante catro semanas rotarán en parellas por diferentes servizos.
En concreto, as estudantes estadounidenses, que contarán cun programa de acompañamiento hospitalario, realizarán as súas prácticas nos servizos de Cirurxía Xeral e Dixestiva, Uroloxía, Pneumoloxía, Cirurxía Vascular, Xinecoloxía, Dixestivo, Anestesioloxía, Otorrinolaringoloxía e Medicina Interna, tendo acceso así a diversas especialidades que ata o de agora descoñecían.
Coñecemento do traballo dos profesionais
O principal obxectivo do programa pretende que as alumnas coñezan de primeira man o traballo que realizan os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e poidan profundizar na súa vocación médica, ademais de vivir unha experiencia persoal enriquecedora dende diversos puntos de vista.
As alumnas que veñen de iniciar este programa de formación en Pontevedra están a piques de entrar na facultade de Medicina, logo de concluír un grao universitario e aprobar un exame de acceso que realizarán proximamente.
É por isto que deberán compatibilizar as súas prácticas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra co curso de preparación para o dito exame, de aí que veñan acompañados dun mestre e que conten cun programa de acompañamento hospitalario específico da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que tamén incide en aspectos afectivos e de acollida.
Sete anos de cooperación desde 2015
Cómpre sinalar que o ‘Atlantis Project’ naceu dun convenio de cooperación educativa asinado no ano 2015 entre o Servizo Galego de Saúde e o St Mary´s Institute for Educational Excellence, situado en Carolina do Norte, para a realización de prácticas de observación de alumnos de universidades de Estados Unidos e Canadá en centros dependentes do Servizo Galego de Saúde.
Durante o período de formación nos centros pontevedreses, os estudantes non realizarán ningunha actividade médica ou sanitaria, pois a súa participación no programa está limitada á mera observación da actividade asistencial que, neste caso, desenvolven os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.