- Tras o traspaso a Galicia o pasado 1 de xullo das funcións e servizos para a xestión do litoral, esta é a primeira vez que o Goberno autonómico tramita de forma directa este tipo de solicitudes na zona de dominio público marítimo-terrestre
- Os interesados na explotación destes servizos nos restantes municipios do litoral poderán solicitar a autorización desde o día 17 de novembro ata o 31 de decembro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o listado dos 17 concellos costeiros que xestionarán os servizos de tempada na zona de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) do seu litoral no vindeiro ano 2026.
En concreto, son sete da provincia da Coruña -Cabanas, Dumbría, Miño, Oleiros, Porto do Son, Ribeira e Valdoviño- e dez, da de Pontevedra -Baiona, Cangas, O Grove, A Guarda, Marín, Nigrán, Sanxenxo, Vigo, Vilalba e Vilagarcía de Arousa-.
Cómpre subliñar que tras o traspaso efectivo á comunidade o pasado 1 de xullo das funcións e servizos para a xestión do litoral, esta é a primeira vez que o Goberno autonómico asume a tramitación directa das solicitudes dos concellos interesados na explotación das instalacións, actividades, eventos e servizos de tempada e praia en zona de dominio público marítimo-terrestre do seu termo municipal.
Nestes casos, serán as propias administracións locais as que tramitarán o procedemento para a adxudicación a terceiros dos servizos e actividades que se desenvolverán nesta franxa da costa, incluída a publicación dos correspondentes anuncios, con indicación neles dos prazos para a presentación de ofertas ou solicitudes de participación.
No caso dos municipios que non teñan asumida a súa xestión, as persoas físicas e xurídicas interesadas na explotación de servizos de tempada en terreos do DPMT poderán solicitar á Xunta a autorización a partir do 17 de novembro e ata o 31 de decembro de 2025.
A maiores, calquera outro evento, actividade, xornadas, competicións ou campionatos de duración non superior a 15 días que se queiran desenvolver no DPMT deberán solicitarse cunha antelación mínima dun mes con respecto á data prevista para a súa celebración.



