- O equipo galego está formada por representantes da Xunta, clústeres empresariais, centros de investigación, fundacións sanitarias e empresas
Unha delegación do ecosistema biotecnolóxico galego está a participar esta semana nunha misión estratéxica en Carolina do Norte (Estados Unidos) co obxectivo de explorar oportunidades de investimento e colaboración con actores clave do sector, institucións de investigación e empresas innovadoras.
Na visita participan, ademais de representantes da Axencia Galega de Innovación, os clústeres Bioga e Clúster de Saúde de Galicia, os centros de investigación CIQUS (USC) e CICA (UDC), a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia dependente de Galaria e as empresas AMSBiopharma, AFFINimeter e KeyBiological.
Carolina do Norte é un dos polos biotecnolóxicos máis importantes de Estados Unidos, impulsado polo Research Triangle Park (RTP), o maior parque de investigación do país e un dos máis grandes do mundo, situado entre Raleigh, Durham e Chapel Hill. Este parque concentra unha gran cantidade de empresas de biotecnoloxía, investigación farmacéutica, institucións académicas e centros de innovación, albergando máis de 600 empresas de alta tecnoloxía e biociencia.
Balance da Estratexia de Biotecnoloxía
Esta misión enmárcase na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025 que aspira a situar a Galicia como referente internacional biotecnolóxico a través do aumento da actividade económica do sector en termos de emprego, facturación e emprendemento en I+D+i.
Precisamente, o vindeiro martes, 17 de setembro, presentaranse na Cidade da Cultura de Galicia os resultados do balance intermedio desta Estratexia. No transcurso da xornada, haberá ocasión de debater sobre o talento, a transferencia e o emprendemento científico, a colaboración e a internacionalización no sector e avanzaranse as principais medidas a acometer nos vindeiros anos co obxectivo de situar a Galicia como unha biorrexión de referencia a nivel internacional.

