HomeXunta de GaliciaVillaverde destaca que a Festa do Marisco do Barqueiro representa a esencia...

Villaverde destaca que a Festa do Marisco do Barqueiro representa a esencia da nosa costa

- Anuncio -spot_img

A conselleira do Mar estivo acompañada polo director de Turismo de Galicia e a delegada territorial da Xunta en Ferrol

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no porto do Barqueiro na XXXV edición da súa Festa do Marisco, un dos eventos máis agardados da comarca e que, en palabras da conselleira, “representa a esencia da nosa costa e a calidade dos alimentos que dá o noso mar”.

Deste xeito, tanto veciños como visitantes desfrutaron dunha ampla oferta culinaria protagonizada por produtos frescos da ría, entre eles percebes, navallas, ameixas, mexillóns, polbo e outras especialidades locais, creando un ambiente mariñeiro único.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a oportunidade que ofrece esta celebración como reclamo turístico deste concello, enclavado en plena Rías Altas, que combina paisaxe, natureza e tamén gastronomía, outro dos recursos fundamentais do destino Galicia. “Galicia é o terceiro territorio nacional seleccionado, por detrás de País Vasco e Andalucía, polos turistas gastronómicos”, afirmou.

A Xunta colaborou, novamente, coa organización deste encontro que enxalza “a tradición e a convivencia”, contribuíndo “a dinamizar a economía local”, afirmou Villaverde. Durante dous días, o evento converte esta localidade nun verdadeiro referente no ámbito da gastronomía galega, grazas ao traballo e dedicación da veciñanza, da Agrupación de Mariscadoras ou Confraría de Pescadores de O Barqueiro-Bares.

Publicacións Relacionadas