O director de Turismo de Galicia presentou o Codex Calixtinus de Salamanca. Estudios da Edición Facsimilar no que historiadores e filólogos galegos afondan nos inicios do xacobeo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, eloxiou esta tarde a produción de estudos e traballos científicos que “alimentan a civilización da peregrinación”. Xosé Merelles presentou o Codex Calixtinus de Salamanca. Estudios da Edición Facsimilar nun acto celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago no que estiveron presentes os historiadores que participaron na publicación.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia salientou o carácter “social e global) do Camiño de Santiago que inspirou “a todas aquelas persoas que, directamente ou de forma anónima, deron contido ao que o Camiño significou a través dos tempos e ao que hoxe mesmo, supón para todos”.
Neste apartado, Xosé Merelles incluíu ao grupo de historiadores e filólogos galegos, Luis Ángel Montes Peral, José Manuel Díaz de Bustamente, Eduardo López Pereira, Fernando López Alsina, Oscar Lilao Franca e Francisco Singul que asinan os distintos traballos que forman parte da obra presentada. “Todos vós sodes parte xa do Camiño e o voso traballo servirá para que futuras xeracións poidan coñecer o verdadeiro significado do fenómeno xacobeo”, asegurou.
Finalmente, o director de Turismo de Galicia salientou como os valores xacobeos se foron transmitindo de xeración en xeración e que se vén recollidos no volume presentado na cidade xacobea. “Hospitalidade, tradición, espiritualidade e relixiosidade son aspectos que perduraron a través do tempo e que garanten a pervivencia dun acontecemento que uniu e continúa unindo pobos e identidades” dixo antes de referirse a varios fragmentos do libro nos que xa no século oitavo se facía un chamamento “á hospitalidade dos moradores do Camiño” e nos que se se constaba como a capacidade para absorber poboación facilitaba o desenvolvemento urbanístico e demográfico de Compostela.