Inaugurou as ‘Leccións Xacobeas Internacionais’ que forman parte da oferta de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC)
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na inauguración dunha nova edición do curso de verán ‘Leccións Xacobeas Internacionais’ da Universidade de Santiago de Compostela (USC), organizado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións que conta co apoio da Xunta de Galicia. Na súa 16 edición, a formación académica artéllase baixo a clave ‘Sabios do Camiño de Santiago e a Peregrinación’ e desenvolverase do 14 ao 17 de xullo. Xosé Merelles salientou a importancia da Cátedra do Camiño á hora de afondar no estudo e transcendencia da cultura xacobea, así como na divulgación da experiencia de peregrinación.
‘Leccións Xacobeas Internacionais’ pertence ao programa da Universidade de Verán da USC, que inclúe 40 formacións de distinta temática e duración entre os meses de xuño a setembro. Esta, en concreto, organízase en cinco seccións distintas, dentro das que hai conferencias, debates, proxeccións audiovisuais e visita guiada polos tesouros da Catedral, impartidas por especialistas na materia. A última xornada celebrarase unha andaina polo Camiño Primitivo.
“Este constitúe -sinalou Xosé Merelles na súa intervención- o quinto itinerario máis elixido polas persoas que recollen a Compostela ao chegar a Santiago, por detrás dos Camiños Francés, Portugués, Portugués da Costa e Inglés”. No que vai de ano, máis de 250.000 persoas percorreron algunha das rutas xacobeas, o que marca un 8% de crecemento respecto a 2024. Seguindo coa tendencia dos últimos anos, “a gran maioría veñen de países de fóra de España: en concreto, un 61%, sendo Estados Unidos o país maioritario de referencia”, apuntou.
Cátedra do Camiño
Turismo de Galicia contribúe á investigación sobre as rutas xacobeas e todo o relacionado con elas a través da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC. En concreto, a Axencia ten subscrito un convenio coa USC para o financiamento da Cátedra para o período 2025-2027, que contempla o desembolso de 120.000 euros en tres anualidades de 40.000€ cada unha.