— O director de Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración coa Asociación de Municipios para a promoción e mellora da experiencia dos peregrinos
— O acordo pon en valor os recursos turísticos dos municipios e contribúe ao desenvolvemento económico do territorio
Turismo de Galicia está a traballar intensamente de cara a 2025 na promoción e posta en valor dos itinerarios xacobeos menos transitados coa intención de repartir a chegada dos peregrinos polos distintos camiños e estender os beneficios que supón a peregrinación nos territorios polos que atravesa. Así o salientou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, no que destacou o bo comportamento deste roteiro, elixido por 2.767 peregrinos no que vai de ano. Isto é, un 42% máis que no mesmo período que 2023 e un 36,84% máis que en todo 2023.
España é o lugar de procedencia da maioría destes peregrinos, seguido de Italia (154), Portugal (115) e Estados Unidos (84). É o itinerario polo que tradicionalmente optaban moitos peregrinos medievais para evitar os cumios do Cebreiro con máis de 1.330 metros de altitude. Entra pola Ribeira Sacra, ten uns 210 quilómetros de percorrido e atravesa as catro provincias.
Referíndose ao acordo asinado salientou o destino das actuacións de mellora dos servizos aos peregrinos e de impulso e promoción do roteiro. Esta colaboración mellorará a “experiencia turística dos peregrinos” e incidirá tamén no incremento da calidade de vida da veciñanza”, concretou. Ademais, servirá tamén para poñer en valor os recursos turísticos destes municipios e favorecerá o desenvolvemento económico do territorio.
O convenio enmárcase na estratexia levada a cabo por Turismo de Galicia para intensificar a promoción e posta en valor dos camiños menos transitados, un dos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027, que se vai intensificar durante o vindeiro ano. Xosé Merelles salientou tamén o investimento realizado polo Goberno autonómico neste itinerario, que supera o millón de euros.
A Asociación de Municipios do Camiño constituíse en 2028 e está integrada por 19 concellos, 15 galegos e 4 casteláns. Na actualidade, está presidida polo alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez.