- Apela a unha coordinación efectiva co Ministerio de Turismo a quen insta a convocar unha Conferencia Sectorial para anticipar as dificultades administrativas que poidan ter as entidades xestoras do resto de fondos nos seus Plans de Sostibilidade
- Refírese, entre outras medidas levadas a cabo polo Goberno autonómico con estes fondos, ás melloras nos establecementos e recursos turísticos no litoral, das infraestructuras dos aloxamentos termais ou as enogastronómicas co impulso turístico ás adegas e á mobilidade sostible nas contornas das rutas do viño
- Tamén á posta en valor de distintos Bens de Interese Cultural como as Illas de Sálvora e Ons, a fortaleza de Monterrei, a casa natal de Valle Inclán ou a Torre de Hércules
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo hoxe de manifesto o aproveitamento que a Xunta de Galicia está a facer dos 72M€ de fondos europeos Next Generation que xestiona directamente para “complementar, renovar e mellorar a oferta turística galega de xeito integral, desde o litoral, a gastronomía, os recursos patrimoniais ou o termalismo, entre outras coa sostibilidade como eixo”. Así o manifestou no transcurso das xornadas de seguimento deste fondos que organiza estes días Turismo de Galicia en Santiago de Compostela.
No encontro, no que tamén participou a directora xeral de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado de Turismo, Ana Muñoz, xunto con responsables da execución dos Plan de Sostibilidade Turística en Destino nos distintos concellos e entidades, Merelles destacou que o Goberno galego leva anos traballando en aproveitar ao máximo os fondos europeos Next Generation destinados á Comunidade autónoma no eido do turismo.
En concreto, recordou, que a transferencia á Comunidade destes fondos ascende a máis de 130M€ dos que a Xunta de Galicia xestiona de xeito directo máis de 72M€ que se están resolvendo a bo ritmo en forma de proxectos tractores vinculados ao Camiño de Santiago, ao litoral, á enogastronomía e ao patrimonio e termalismo. Así, no marco do Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral, a Xunta convocou desde o ano 2021 catro liñas de subvencións cun investimento global de 11,8 millóns de euros para a rehabilitación de recursos emblemáticos, ademais dun convenio coa Asociación de Clubes Náuticos de Galicia por 1,8 millóns para a revalorización dos portos deportivos.
Tamén fixo balance das medidas desenvolvidas pola Xunta no marco do Plan Territorial Enogastronomía de Galicia, con accións como os 5 millóns de euros destinados ao embelecemento de establecementos enoturísticos e adegas, 2,5 millóns para proxectos tractores enogastronómicos e os 4 millóns para impulsar a mobilidade sostible nas Rutas do Viño de Galicia, liña aberta ata o 16 de febreiro
“Os fondos europeos Next Generation están sendo moi útiles para que poidamos crear tamén infraestruturas que afondarán na profesionalización do sector”, indicou referíndose ao Gastro Hub no Centro Superior de Hostelería de Galicia, que se porá en marcha o vindeiro ano. Tamén se referiu o Plan Xacobeo Next Generation, que está a dinamizar e diversificar a ruta xacobea coa posta en valor de 10 Bens de Interese Cultural vinculadas á ruta xacobea, como o Castelo de Monterrei, as illas de Sálvora e Ons, a contorna da Torre de Hércules, o Parque do Pasatempo en Betanzos ou a casa natal de Valle Inclán, entre outras. Tamén se rematou a sinalización da ruta cicloturística Eurovelo e executouse unha Acción de Cohesión Territorial por máis de 5 millóns de euros que dotou de usos turísticos aos faros grande e pequeno de Cabo Silleiro, entre outros recursos cofinanciadas deste xeito pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation.
Reclamo de coordinación ao Ministerio
Malia agradecer a colaboración da directora xeral Ana Muñoz, Merelles recordou que ademais dos 72M€ fondos que xestiona a Xunta directamente, a contía global transferida para a Comunidade autónoma no eido turístico ascende a un total de máis de 130M€, polo que arredor de 62M€ están sendo xestionados de xeito directo polas entidades e concellos beneficiarios dos distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se están desenvolvendo polo territorio. Xosé Merelles puxo en valor o traballo de Turismo de Galicia para facer o seu labor de seguimento e asesoramento a estas entidades, pero recordou a necesidade de reforzar o diálogo co Ministerio de Industria e Turismo a quen reclamou a convocatoria da Conferencia Sectorial de Turismo, que non se convoca desde decembro de 2023.
“Como Comunidade responsable da ordenación turística e a supervisión dos fondos no noso territorio, vémonos na obriga de esixir a convocatoria inmediata da Conferencia Sectorial de Turismo nas vindeiras semanas para tratar estes asuntos”, afirmou o director de Turismo. Neste sentido, lamentou a falta de proactividade do Ministerio para anticipar as dificultades administrativas que xeran fraxilidade na execución material dos PSTD, e destacou que o éxito da aplicación dos fondos europeos non só depende da dispoñibilidade dos mesmos, senón “dun liderazgo compartido e dunha coordinación efectiva coas Comunidades Autónomas”.



