- Cun investimento de preto de 9 M€, Ángeles Vázquez salienta a transcendencia desta actuación para mellorar o abastecemento da marxe dereita da ría de Arousa
- Salienta que cando se completen os traballos, que se iniciaron o pasado mes de setembro e marchan “a bo ritmo”, a planta incrementará a súa capacidade actual de tratamento de auga nun 40%, ata acadar os 610 litros por segundo
A Xunta de Galicia avanza na ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Padrón co obxectivo de que as obras estean rematadas dentro dun ano —primeiro trimestre de 2026— e a instalación poida dar servizo a unha poboación potencial de preto de 90.000 habitantes.
Durante unha visita ao municipio coruñés para supervisar os traballos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá a transcendencia desta actuación non só para a veciñanza de Padrón senón para á do resto de municipios da contorna para os que foi concibida: Dodro, Catoira, Valga, Ribeira, Pontecesures, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Vilagarcía de Arousa.
Tras lembrar que Augas de Galicia ten asumida a xestión e explotación da rede de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, a responsable autonómica explicou que a execución destes traballos se enmarca no convenio de colaboración subscrito en decembro do ano 2022 entre o organismo hidráulico e o Concello de Padrón e suporá un investimento de arredor de 9 millóns de euros, entre custos da obra e dos servizos asociados, que achegará integramente o Executivo galego.
Neste sentido, indicou que a ETAP de Padrón —localizada preto do núcleo de Casal, nas proximidades do río Ulla— está operativa desde o ano 1996 polo que resultaba necesario acometer a súa ampliación.
Con tal fin e unha vez cedidos os terreos requiridos para as obras por parte da Mancomunidade do Monte Veciñal Lapido, á que agradeceu a súa colaboración, Ángeles Vázquez lembrou que os traballos sobre o terreo comezaron o pasado mes de setembro e unha vez transcorrido xa un terzo do prazo de execución previsto —que é de 18 meses—, avanzan “a bo ritmo”.
O obxectivo da actuación é ampliar a capacidade de tratamento actual da estación para pasar dos 450 litros por segundo que ten hoxe ata os 610 l/s, é dicir, un incremento do 40% que, tal e como destacou a conselleira, beneficiará a 10 concellos da ría de Arousa, que suman case 90.000 habitantes equivalentes (a poboación potencial permanente e temporal á que podería atender, contando tanto usos civís como industriais).
Ademais, aproveitarase a obra para dotar á infraestrutura dun sistema para a recuperación do auga de lavado de filtros, así como dun tratamento de lodos, dun sistema de control que integre tanto os equipos existentes como os da ampliación e un circuíto de vídeo vixilancia.
Tamén se actuará sobre a rede de distribución con reparacións estruturais nos depósitos de cabeceira do Casal, aos que se dotará así mesmo dun instrumento para medir o caudal de saída en continuo, así como dun sistema de medición da calidade da auga nos puntos de entrega en alta.
Área con risco significativo de inundación
Por outra banda, cómpre lembrar tamén as actuacións planificadas no municipio pola Xunta no marco do plan específico deseñado para a área de risco potencial e significativo de inundación (ARPSI) río Ulla e río Sar, incluída no grupo IV do que forman parte os casos máis graves, que son precisamente nos que está a actuar Augas de Galicia da man das administracións locais.
En total, esta planificación inclúe catro proxectos, actualmente en redacción: a mellora do espazo fluvial e do drenaxe do río Sar no cruzamento coa estrada AC-301; mellora do espazo fluvial e da drenaxe do rego Tarrío no cruzamento co ferrocarril; na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego Avelenda ao seu paso por Iria Flavia; e na canle de protección contra inundacións no rego Avelenda ao seu paso por Iria Flavia.