Ovidio Rodeiro agradece a colaboración da Xunta para “humanizar a entrada a Lestedo, mellorar a seguridade viaria e facilitarlle a mobilidade tanto aos veciños do núcleo como de vivendas próximas”
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao acordo polo que se establecen as bases da colaboración e da cooperación técnica e económica entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Boqueixón, que permite acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as obras consistentes na mellora de itinerarios peonís en Lestedo, que suporá un investimento de máis de 460.000 euros.
Baixo este acordo preténdese executar as obras necesarias para integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo, con intervencións en dúas rúas: a rúa Castrelo e avenida do Vinteseis (de acceso á zona de aparcamento). Un compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a reunión mantida a finais de febreiro co alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato.
Neste sentido, Rodeiro Tato volveu agradecer a boa disposición do presidente da Xunta “para asinar este convenio de colaboración para humanizar a entrada a Lestedo. Unha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria na zona e facilitar a mobilidade non so dos veciños e veciñas de Lestedo, senón tamén dalgunhas vivendas e mesmo das aldeas da contorna”.
O Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de máis de 322.000€, e contratará e executará as obras. O Concello de Boqueixón achegará o 30% restante do custo das actuacións, algo máis de 138.000€; redactará o proxecto das obras, realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución e comprométese a recibir, manter e conservar as actuacións, que incorporará ao patrimonio público municipal.
Dúas actuacións: Rúa Castrelo
Este proxecto recolle unha parte dos traballos necesarios para acadar a integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do núcleo de Lestedo. Neste caso, os traballos que se realizarán na rúa Castrelo (superficie 1.845 m2) inclúen a renovación da beirarrúa, así como a instalación de bordo. Na marxe oposta da rúa proxéctase a construción dunha senda peonil de 120 metros de lonxitude, con bordo prefabricado tipo xardín no límite exterior da senda.
Na actuación proponse tamén acometer a renovación da capa de rodaxe da vía municipal tanto no treito que permite a circulación de vehículos en ambos os sentidos como no treito que funciona unicamente no sentido de saída. Renovaranse dous sinais de stop, ademais da colocación dun sinal de dirección prohibida e doutro de sentido único de circulación. Completarase a actuación na rúa Castrelo cos traballos previos necesarios, coa canalización da rede de iluminación e reposición das luminarias existentes e co pintado da sinalización horizontal pertinente.
Esta actuación dará continuidade á senda peonil construída a finais de 2025 polo Concello de Boqueixón dende o cruce entre as rúas Mestre Manuel Gacio e Pico Sacro ata o cruceiro de Lestedo, e que proporcionou a toda a veciñanza de Lestedo un acceso seguro dende a praza da Feira e o pavillón polideportivo municipal, do que se benefician especialmente os veciños e veciñas da rúa Castrelo e contorna.
Avenida do Vinteseis
Por outra banda, a intervención proposta na avenida do Vinteseis – zona de aparcamento (superficie 4.055 m2), ten como obxectivo renovar un treito desta avenida, mediante a reforma das beirarrúas existentes e a execución doutras novas que dean servizo ao novo espazo de aparcamento proxectado. Pola súa vez, mellorarase o estado da pavimentación do citado treito de rúa mediante o fresado do firme existente e a súa reposición. Levaranse a cabo, ademais, a execución da rede de pluviais e os respectivos pozos de rexistro e arquetas, así como a de iluminación, coa execución da súa canalización e das correspondentes arquetas, báculos e luminarias.
Completarase a actuación cos traballos previos necesarios, co pintado da sinalización horizontal e a implantación dos sinais verticais, a montaxe das dúas paradas de autobús existentes, a instalación dun cobrecolector para os contedores do lixo e o recuamento/retirada dos postes afectados. As actuacións proxectadas teñen en conta a execución dos traballos referentes á rede eléctrica. O proceso de urbanización do contorno rematará coa plantación do céspede e árbores e coa colocación de mobiliario urbano.
Plan Hurbe
Estas intervencións realízanse ao abeiro do Plan Hurbe, un programa con que o Goberno galego colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da Comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

