- López Campos e Luisa Sánchez salientaron o “éxito” desta iniciativa que se levará a cabo os mércores ás 12,30, 16,00h e 17,00 horas en grupos reducidos de 15 persoas
- Os representantes das dúas Administracións destacan “a alta demanda” que fai que xa se estean pechando reservas para o mes de marzo a través do teléfono 986 118 227
- Coinciden en que esta “excelente acollida” reflicte “o entusiasmo e implicación da sociedade por este inmoble e o acerto en telo recuperado”
- As primeiras quendas están reservadas para os participantes na campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’ co fin de agradecer as súas achegas ao plan de usos
- As visitas comentadas cun guía percorren a fachada, o vestíbulo principal, a escaleira de acceso ao segundo andar do inmoble e rematan na platea
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, celebraron hoxe o “alto interese cidadán” polas visitas guiadas ao interior do Teatro Cine Fraga “ao rexistrar xa unhas 800 peticións para participar, transcorrido tan só unha semana desde a súa posta en marcha, o que fai que xa se estean pechando reservas para o mes de marzo”.
“Non hai dúbida do éxito total da iniciativa”, coincidiron en salientar os dous representantes institucionais durante a súa participación, co resto de persoas inscritas, na primeira das visitas comentadas. Deste xeito, da man das explicacións dun guía percorreron desde a fachada ata o vestíbulo principal do edificio, con parada na escaleira de acceso ao segundo andar que permite ter unha visión da parte superior do inmoble, para concluír na platea.
José López Campos e Luisa Sánchez incidiron na “excelente acollida” deste programa de visitas que se levará a cabo todos os mércores ás 12,30, 16,00 e 17 horas en grupos reducidos de 15 persoas e desenvolverase, segundo precisaron, “ata o comezo das obras coas que imos converter este espazo emblemático nun centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular”.
Neste senso, consideraron que “a alta demanda” por coñecer o interior deste ben, de 7.000 metros cadrados e incluído no Patrimonio Cultural de Galicia, “reflicte o entusiasmo e implicación da sociedade por este inmoble, á vez que nos confirma o acerto en telo recuperado”, aseveraron con respecto á súa adquisición en xullo do pasado ano por parte da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Precisamente, lembraron que, de xeito inicial, estas visitas están reservadas en outubro para aquelas persoas que participaron en O mellor espazo busca o mellor contido, a campaña na que a través de encontros presenciais e unha caixa de correos virtual permitiu recompilar ideas, achegas e propostas da cidadanía para enriquecer o plan de usos “co obxecto de transformalo nun dos epicentros culturais da eurorrexión Galicia- Norte de Portugal”. En todo caso, aclararon que as quendas a partir do mes de novembro, están abertas para todo o conxunto da cidadanía a través do número de teléfono 986 118 227.