Os deputados Jorge Cubela e Javier Tourís reuníronse co presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán, José María Paz Gago, para adiantarlle a posta en marcha dun convenio entre a institución provincial e a asociación para o impulso do festival
A Deputación de Pontevedra compromete unha axuda económica por valor de 10.000 euros para colaborar, por vez primeira, co FestiValle. Os deputados provinciais Jorge Cubela e Javier Tourís reuníronse co presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán, José María Paz Gago, para adiantarlle a posta en marcha dun convenio entre a institución provincial e a asociación para o impulso deste festival, que acollerá Vilanova de Arousa entre o 8 e o 12 de xullo.
O convenio de colaboración entre ambas entidades está previsto que se asine a finais deste mes de maio ou principios de xuño, tal e como avanzaron os deputados á Asociación de Amigos de Valle-Inclán. Nese documento plasmaranse os compromisos tanto da Deputación de Pontevedra como da asociación en canto á organización do FestiValle, ao que o Goberno de Luis López destinará, este ano, por vez primeira, 10.000 euros.
FestiValle trátase dun festival de teatro que ten por obxectivo render unha homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán, o pai do esperpento. Vilanova de Arousa acolle este evento único no seu xénero, ao dedicar toda a súa programación a un único autor. No 2024 celebra a súa terceira edición tras pechar a anterior cun respaldo de máis de 3.000 asistentes.