O centro sociocomunitario de Frades acolleu na tarde de onte a derradeira charla do ciclo “Xornadas para familias”, organizadas pola asociación Anhida Coruña en colaboración co Concello de Frades. Unhas charlas moi participativas que tiveron lugar dende abril de 2023 e nos que se trataron diversas temáticas, dende o autismo e o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) ata normas e límites coa mocidade ou autoestima e comunicación coas crianzas.
Un destes temas, a prevención e loita contra o acoso escolar, foi o escollido por Juan Ramos, psicólogo e coordinador da Área Educativa de Anhida Coruña, quen afondou nas características persoais que inflúen en ser agresor ou vítima en situacións de bullying. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, asistiu a esta xornada para agradecer a asistencia de todos os veciños e veciñas e poñer en valor o traballo de divulgación realizado dende Anhida Coruña. Así mesmo, púxose a disposición tanto das familias como da comunidade educativa para a realización de novas actividades semellantes.