O Concello de Mos presentou hoxe o Festival Alfacuca Picnic, unha proposta cultural, educativa e natural que se celebrará o vindeiro 11 de outubro na aldea de Alfacuca. O evento desenvolverase entre as 11:00 e as 19:00 horas e nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia única de convivencia, aprendizaxe e gozo ao aire libre, dirixida a familias e persoas de tódalas idades.
Segundo explicou na presentación a concelleira Laura Méndez, Alfacuca Picnic é máis ca un festival: é unha celebración do vínculo entre as persoas, a cultura rural e a natureza, cun programa que combina andainas guiadas, concertos, obradoiros educativos e creativos, roteiros interpretativos, espazos de sensibilización ambiental e animal, maxia, artesanía local e gastronomía en foodtrucks.
A programación inclúe citas destacadas como:
Andaina polo Monte de Louredo, en colaboración coa Comunidade de Montes.
Concertos de Paco Nogueiras (“Son Animal”) e do grupo de adolescentes Xeración M.
Obradoiros de agricultura ecolóxica, o ciclo do pan e a leitería, así como contacontos en inglés.
Roteiros interpretativos da aldea, a cargo de Biophilia Ambiental.
Maxia ao solpor co Mago Marco.
E o picnic colectivo amenizado pola música tradicional de Xógara.
Ademais, haberá espazos familiares e de xogo, zona de reciclaxe creativa, espazo para mascotas e un mercado de artesanía local, apoiando así a economía de proximidade e a cultura do territorio. O Concello de Mos anima á veciñanza a participar activamente nesta xornada que define como “unha festa para toda a familia, chea de vida, alegría e respecto polo medio ambiente”.
As inscricións xa están abertas a través da web municipal e das canles oficiais de comunicación, onde se poderá descargar o código QR que dá acceso a ficha para inscribirse.

