O Concello de Mos vén de aprobar na súa Xunta de Goberno Local, celebrada esta mañá, unha nova licenza de obras de explanación vencellada ao Proxecto de Interese Autonómico Galicia Sports 360, promovido polo Real Club Celta.
A actuación abrangue traballos de movemento de terras sobre unha superficie de máis de 100.000 m², necesarios para conformar as plataformas onde se implantarán as futuras instalacións deportivas e de servizo.
Trátase dun paso clave que dá continuidade ás obras en execución e supón un novo avance cara ao remate da primeira etapa do complexo. O investimento previsto ascende a 2.067.760,71 euros (IVE incluído) e o prazo de execución estimado é de 6 meses.
Os terreos obxecto da intervención xa foron liberados de cautelas arqueolóxicas trala finalización das escavacións en área autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio. Ademais, o proxecto incorpora as correspondentes medidas de protección ambiental.
Neste momento, a actuación non contempla edificacións nin instalacións, senón unicamente a preparación e adecuación do terreo. Con esta nova licenza, o proxecto Celta360 continúa avanzando con paso firme, consolidando a Mos como enclave estratéxico para o deporte galego e reforzando o impacto económico, social e formativo dun proxecto de interese autonómico.

