- O XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra nos Pendellos de Agolada do 5 ao 7 de xullo contará tamén coas actuacións de Comando Curuxás, O Sonoro Maxín, Bico da Balouta e Xirandaina
- A Xunta organiza este evento integral de divulgación, comercialización e posta en valor da Artesanía de Galicia que contará coa participación de 53 artesáns e 32 expositores de produtos de alimentación
- A Xunta foi recoñecida co Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Promociona para Entidades Públicas pola iniciativa do Corazón a Artesanía
O Corazón da Artesanía. XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra nos Pendellos de Agolada os días 5, 6 e 7 de xullo, contará coas actuacións musicais de Xabier Díaz e Adufeiras de salitre, De Vacas, O Sonoro Maxín, Comando Curuxás, Bico da Balouta e Xirandaina. O Corazón da Artesanía é un encontro multidisciplinar e orientado a amosar, poñer en valor, enxalzar e contribuír ao desenvolvemento integral dos nosos oficios artesanais, especialmente dos máis tradicionais, dos valores da artesanía e da marca Artesanía de Galicia, así como doutros produtos gourmet. Esta iniciativa, impulsada pola Xunta desde o ano 2012, recibiu o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Promociona para Entidades Públicas.
A programación musical do Corazón da Artesanía comezará o venres 5 de xullo ás 22,30 horas na Praza do Concello, unha vez rematado o horario de apertura da feira, coa actuación de Comando Curuxás, un quinteto que bebe da música tradicional e popular bailabre de Galicia e do resto de Europa. Nace no ano 2017 coa intención de crear unha murga, cun punto de modernidade, con harmonías e arranxos actuais. Destas ideas iniciais créase o grupo que está formado por Alberto Núñez ao acordeón diatónico; Pablo Pardo «Pacior» na frauta traveseira de madeira e no saxo soprano; Miguel Anxo López nas percusións; Pablo Pascual ao clarinete baixo e Serxio Núñez ao clarinete, pandeiro, gaita e voz. O son de Comando Curuxás lembra as antigas romarías e soa coa intención de que o público se divirta, que goce coa súa música e que baile.
As actuacións musicais do sábado 8 de xullo, tamén na Praza do Concello, comezan co grupo de De Vacas, a partir das 13,30 horas, que presentará o seu traballo Rebovina Divas Live. Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado – xunto co guitarrista Guillerme Fernández – ofrecerán un espectáculo no que a iluminación e a posta en escena cobran vital importancia nunha homenaxe a estrelas do pop como Whitney Houston, Celine Dion ou Beyoncé, na que “rebobinan” a memoria do tempo a través de mulleres que coas súas cancións acompañaron momentos importantes das súas vidas.
Xa pola tarde, está previsto un pasarrúas a partir das 17,00 horas a cargo da agrupación de música tradicional Bico da Balouta, de Agolada, e a partir das 22,30 horas será a quenda da banda O Sonoro Maxín, que presentará o seu novo disco A primavera ten que ser nosa. Neste espectáculo, o grupo ourensán homenaxea o seu ex-batería, Jaime Mateo, finado en decembro de 2021, e presenta novos temas que mestura con parte do repertorio dos seus 15 anos de traxectoria, coas raíces na música máis popular e bailable de distintos lugares do mundo, inventando as cancións da Galicia tropical e ofrecendo as súas flores e froitos convencidos que a primavera aínda está por chegar.
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre
A última xornada do Corazón da Artesanía contará coa actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, a partir das 13,30 horas na Praza do Concello, que estrean tamén traballo discográfico Axúdame a sentir. Trátase do sétimo disco de Xabier Díaz no que o artista fai unha homenaxe a súa avoa Obdulia, que dicía esa frase con frecuencia e que el considera “unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade que é a vida”. De novo poderase ver a mestría de Xabier Díaz partindo dos repertorios tradicionais e actualizalos para chegar a novos públicos.
A programación musical do evento pecharase cun desfile e coa actuación da Agrupación Folclórica – Cultural Xirandaina, a partir das 19,00 horas.
Na edición deste ano está prevista a participación de 53 profesionais da Artesanía de Galicia, 36 como expositores e outros 14 artesáns que participarán como docentes nos cursos de formación especializada e nos talleres abertos. En canto aos expositores de produtos gourmet, contaremos este ano coa oferta de 32 empresas, 19 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria. En horario de 11,00 horas a 14,30 horas e de 16,00 horas a 21,30 horas e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato, que xunta gastronomía e artesanía, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.