O Grupo socialista denuncia unha vez máis “a falta de dilixencias e a habitual vagancia do Goberno do PP para lanzar o novo contrato o que agora provoca que empresas, persoas autónomas usuarias e empregados desta rede pioneira en Galicia se queden na rúa”
O Grupo Provincial do PSDG-PSOE instou hoxe ao presidente da Deputación de Pontevedra “a dar explicacións urxentes ante o inaudito peche das oficinas que existen na provincia da Rede SMARTPEME, pioneira en Galicia en achegar as TICS ás empresas e modelo de éxito no asesoramento en dixitalización ao tecido económico do territorio”.
A portavoz do PSdeG, Ana Laura Iglesias, lamentou que “unha vez máis se poña de manifesto a falta de dilixencias, de traballo e de acción do actual goberno da Deputación, que deixou pasar o tempo sen lanzar o novo contrato de SmartPeme o que agora ten estas consecuencias”. Iglesias subliñou que “isto é unha nova proba de que a Deputación lle queda moi grande ao PP que, coa habitual vagancia como sinal de identidade deste goberno, se decatou de que lles pillaba o touro demasiado tarde e con tempo unicamente de sacar un contrato menor por 20.000 euros que unicamente lles vale para ter aberta a oficina de SMARTPEME en Pontevedra e a de Cambados”. Da mesma forma, denunciou que “outra vez estamos ante un novo exemplo de falta de transparencia, sen unha soa explicación, nin aviso do peche o que provocou as protestas das persoas usuarias do servizo”.
Así as cousas, a día de hoxe están pechadas “a cal e canto” as oficinas de Vigo, ubicada na sede central na cidade, e as de Lalín, O Porriño e Ponteareas. “Portas pechadas, ninguén que atenda o teléfono e queixas das persoas e firmas clientes destas oficinas sen que ninguén lles dea unha explicación”, sinalou a voceira socialista. “É intolerable que pola desidia do equipo de Luís López as empresas e as persoas autónomas usuarias deste servizo da Deputación se vexan privadas do asesoramento en TICS que lles presta SmartPeme, así como as persoas empregadas destas oficinas que se quedan sen o seu posto de traballo ata que se lance o novo contrato”. Por todo elo, Ana Laura Iglesias instou ao presidente provincial a dar unha explicación real do que está ocorrendo e clarifique cando se va a restituír o servizo en todas as oficinas clausuradas.
O Grupo socialista lembrou que foi o anterior goberno quen creou en 2016 SmartPeme cunha rede de sete oficinas por todo o territorio para a formación a sociedades e persoas autónomas en materia de novas tecnoloxías para que as TICS axuden ás pequenas e medianas empresas da provincia a ser dixitalizadas, máis competitivas e que empreguen estes instrumentos para ser unha grande referencia do novo modelo de sociedade. SmartPeme ten un balance de éxito e está considerado un exemplo en todo o Estado con máis de 12.000 asesoramentos realizados a preto de 2.000 empresas da provincia e con máis de 1.900 actividades nas que participaron preto de 20.000 persoas.